Novo récord lunar
A Lúa estivo recibindo impactos de meteoritos que deformaron a súa superficie dende a súa orixe hai 4.500 millóns de anos ata hoxe en día, xa que non conta, a diferenza da Terra, cunha atmosfera que a protexa, polo que incluso un obxecto do tamaño dun gran de area pode chegar ó chan a unha velocidade incrible.
O pasado 11 de setembro de 2013 produciuse na Lúa a colisión máis potente detectada ata o momento, cando unha rocha coa masa dun coche pequeno, entre 400 e 450 quilos, e cun tamaño de entre 60 e 150 centímetros, impactou contra a súa superficie e produciu un cráter duns 40 metros de diámetro.
A súa velocidade era tan alta que esta evaporouse case no instante, provocando unha rápida elevación da temperatura que xerou un brillo similar ó da estrela Polar que puido observarse a simple vista e que se prolongou durante oito segundos, polo que se converteu no destello máis longo e intenso observado ata o momento, de feito, segundo apuntan os investigadores, a enerxía implicada no impacto foi equivalente á detonación dunhas quince toneladas de TNT.
Esta colisión tivo lugar a uns 61.000 km por hora nunha zona coñecida como Mare Nubium ou Mar das Nubes, que se trata dunha antiga cunca de lava solidificada cun tamaño similar ó da Península Ibérica.
Estes impactos soen producilos fragmentos de cometas e asteroides que xiran ó redor do Sol, que se coñecen como meteoroides e non meteoritos xa que esta denominación implica que haxa fragmentos e, debido ás grandes velocidades ás que teñen lugar este tipo de impactos, as rochas fúndense e vaporízanse instantaneamente no punto de impacto.
Segundo os investigadores prodúcense impactos de rochas dun tamaño similar contra o noso planeta cunha frecuencia case dez veces maior do que se pensaba ata o momento, pero a nosa atmosfera impide que estas rochas cheguen á Terra facéndoas explotar no ceo.