Novo crustáceo no Grove

2 Maio 2015
Uromunna naherba

Un grupo de científicos da Universidade de Vigo e o Australian Museum  encontraron na  enseada galega do Grove  un novo exemplar de crustáceo  endémico de Galicia.

Denominárono Uromunna naherba e pertence á Orde dos isópodos, o máis diverso dos crustáceos. “Chamámolo en galego Na herba porque atopámolo en pradarías de  fanerógamas mariñas, ou o que é o mesmo, en herbas submarinas”, declarou Patricia Esquete, coautora do estudo na Universidade de  Vigo.

Uromunna naherba mide entre 0,6 e 1,5 milímetros de lonxitude e vive tanto entre as follas das plantas como nos rizomas, o talo subterráneo, aínda que as femias que portan ovos tenden a vivir máis nestes últimos.

Trátase dunha  especie que non nada, senón que camiña sobre o fondo mariño, tanto sobre algas como plantas. Isto débese a súa carencia de aletas coas que poder nadar, de aí que non se despracen a grandes distancias. O feito de que non se despracen a grandes distancias fai que os individuos dunha mesma poboación se reproduzan entre eles, polo tanto as mutacións xenéticas propáganse rapidamente dentro da poboación. Así, co paso do tempo, esa poboación terá acumulado tantas mutacións que a diferenciaran tanto doutras que se converterá nunha especie nova. Reprodúcense ao longo de todo o ano. Non obstante, os científicos observaron que as femias  portadoras de ovos son máis frecuentes a finais de primavera e en verán. Este feito coincide co momento do ciclo anual da planta no que as follas e os  rizomas  alcanzan o seu máximo tamaño, e pon á súa disposición maior substrato e alimento.