Na busca dun reloxo máis preciso

14 Decembro 2012
reloxo atómico

Propúxose unha nova técnica para medir o tempo cunha gran precisión, xa que soamente perdería ou gañaría a vinteava ou décima parte dun segundo durante un periodo de tempo tan amplo como o transcurrido dende a creación do universo ata hoxe, é dicir, aproximadamente 14.000 millóns de anos. Isto provocaría a creación de reloxos cunha precisión cen veces maior ca dos reloxos atómicos actuais. Esta precisión provén do núcleo dun só ión de torio 229 facendo oscilar un láser con altas frecuencias que provoca un aumento de enerxía dos ións de torio e que conduce ós neutróns facendo que actúen a modo de péndulo.

Estes reloxos, coñecidos como reloxos nucleares, non só servirían para realizar medicións do tempo, senón que poderían ser útiles para algunhas comunicacións confidenciais e para realizar estudos dalgunhas teorías fundamentais da física, así como unha gran ferramenta para a investigación da física aplicada.

Para que os reloxos nucleares foran estables, tiñan que estar a baixas temperaturas. Para manter esta temperatura, primero pensouse no uso dun refrixerados, pero o láser xa se usaba para a oscilación do reloxo. Finalmente optouse por introducir un único ión de torio 232 co ión de torio 229 e arrefrialo provocando o arrefriamento tamén do ión de torio 229 e sen afectar á oscilación do reloxo.