Un mar de lendas
Na clase de 1º C fixemos unha presentación con debuxos a partir de lendas e crenzas galegas recollidas de libros.
Achegamos unha selección das recollidas en Cambados a partir de traballos publicados no Colexio de Castrelo.
CRENZAS
-Para estrear un barco poñíanse ramos de loureiro na proa e na popa ou dábaselle golpes con bimbias.
-Para ter boa pesca botábase un anaco de pan ao mar, segundo a zona broa ou pan branco.
-Cando a pesca saía mal dábaselle unha tunda ao barco con ramos de acivro ou cunha vara do gando, segundo a zona.
-Os curas a bordo dan mala sorte.
-As mulleres no barco dan boa sorte, son símbolo de fecundidade.
-Derramar aceite a bordo é mal agoiro.
-Levar un paraugas a bordo significa a morte do patrón ou do contramaestre.
-Hai palabras que non se poden pronunciar nos barcos: cobra, raposo, lagarto, corvo, cura… porque traen desgrazas.
CRENZAS-COSTUMES (recollidas en Cambados)
-Para que houbese boa pesca os mariñeiros mandaban ás mulleres a facer remedios aos cruceiros ás doce da noite, vestidas de branco, coma pantasmas. Facían ritos, cantaban responsos, queimaban cousas e botaban sal.
-O día de Defuntos non se debe ir ao mar para non coller mortos ou restos de mortos nas redes.
-Contan que cando morre alguén afogado aparece aboiando á volta de nove días porque lles estoupa a bolsa do fel.
-Os defuntos que se recollen no mar sangran cando se aproxima alguén da súa familia.
-Da mala sorte saír para o mar se se atopa un cura ou unha meiga. Tamén da mala sorte levar un paraugas a bordo.
-Tamén da mala sorte falar de cobras, sapos, mouchos e curas. Se se nomean sen querer dase unha patada no fondo da embarcación para desconxurar.
-Para desfacer o meigallo dos barcos dábaselle tundas con estrugas ou íase ás bruxas (cando non se pescaba).
Tamén se lle daba tundas con estrugas cando había ratos a bordo. Para sacar o meigallo levábanse nenos a mexar no barco.
-Cando se cruzaba cunha meiga ao saír para o mar e che botaba o mal de ollo había que saír de popa e mexando pola borda ata estar fóra do porto.
-Para estrear un barco ou aparellos regábase con viño tinto.
-Cando a tapa da caixa do barco (o cuartel) cae dentro da mala sorte.
-Cando unha muller está preñada non pode tocarlle ao marisco nin coa man nin co corpo, se non sáelle unha mancha ao fillo.
-Cando un cangrexo queda en fronte dunha persoa coa panza para arriba é que lle pide a morte.
-Cando unha ameixa ou longueirón están apegados a unha pedra adiviñas a morte do mariscador.
-Din que cando hai tormenta nun sitio arredado do fondo do mar están reunidos toda castede mariscos.
-Cando as mozas solteironas querían ter un fillo collían un mexillón e un berberecho e levábanos a unha cova escura para que pasaran a noite.