Mamá, papá e... outra mamá?
Unha nova acaparou as portadas e titulares de revistas e periódicos esta semana, “Fillo de tres pais” ou “Tres pais, un só fillo” saen en letras maiúsculas nos periódicos levando a confusión a moitos lectores.
En primeiro lugar, é necesario aclarar que esta noticia xurdiu pola aprobación dunha lei en Gran Bretaña que permitirá a utilización dunha técnica de reprodución asistida que implica os óvulos de dúas mulleres e o espermatozoide dun varón para evitar a herdanza de enfermidades mitocondriais que provocan a perda dos fillos de 150 parellas ó ano.
Unha mitocondria é un orgánulo celular presente no citoplasma das células eucariotas e que se ocupa da respiración celular mediante un conxunto de reaccións oxidativas onde se degrada materia orgánica a inorgánica con consumo de osíxeno, e obténdose enerxía utilizable para a célula.
Ó ser os óvulos moito maiores ca os espermatozoides, case a integridade de todas as mitocondrias son herdadas por vía materna.
Unha enfermidade mitocondrial consiste no incorrecto funcionamento destes orgánulos, e este tipo de enfermidades poden provocar danos cerebrais, perda de masa muscular, fallos cardíacos, cegueira e en moitos casos o falecemento antes do primeiro ano de vida.
Así, a mellor técnica para evitar a herdanza deste tipo de enfermidades é a de evitar a transmisión das mitocondrias enfermas ós descendentes. Esta técnica consiste na extracción do núcleo de ambos óvulos, da nai e da donante, introducindo o núcleo da nai no citoplasma restante do óvulo da doadora. Tras isto, fecúndase o óvulo restante co esperma do pai.
Deste xeito, o embrión só tería o 0’18% do ADN da doadora, que é ADN mitocondrial, e que non se manifesta fisicamente no individuo, e este estaría libre de posuír calquera enfermidade mitocondrial.
Porén, non existe un risco cero, e neste proceso xorden algunhas incógnitas. Entre elas, hai una destacable: ó ser a actividade mitocondrial regulada información xenética propia, pero tamén pola contida no núcleo, e ó ser as mitocondrias e o núcleo de orixes distintas poden ser incompatibles, o que podería producir errores na produción de enerxía por parte das mitocondrias, que é precisamente o que se trata de evitar.
Tamén hai outros riscos, pero menos graves, como o posible arrastre de mitocondrias enfermas ó óvulo san, que, de todos modos, sería un número moi baixo, pero o sexo feminino seguiría a ser portador destas enfermidades que poderían chegar a manifestarse nos seus descendentes.
Como en todo avance, sempre hai unha oposición que trata de frealo, neste caso, a Igrexa Católica e determinados membros da comunidade científica apuntando, como é habitual, cara direccións éticas.
Porén, isto non freou a aprobación por parte da Autoridade de Embrioloxía e Fertilización humana da licenza para que se poida comezar a utilizar esta técnica, e calcúlase que o primeiro bebé que nacera grazas á utilización desta técnica farao en 2016.