Maio 2015
Maio é o quinto mes do ano, con 31 días. O nome de maio procede da deusa romana Maia, Fauna ou Bona Dea, deusa da fertilidade.
É o mes das flores. Florecen as xestas, os breixos, os toxos, as roseiras, os castiñeiros, as vides, as gramíneas, os estalotes, o seoane, as mapoulas, os ambroíños, os chuchameles ... Voan as sementes dos chopos, dos dentes de león...
É tempo de sementar o millo, plantar patacas e comézase a sulfatar as viñas. Páñanse as patacas do cedo, os primeiros chícharos e, cara a fin de mes, as primeiras cereixas.
Vense moitos insectos: bolboretas, saltóns, xoaniñas, escarabellos, mosquitos, tabáns... Crían os gatos, as donicelas, as martas, os lobos, os furóns, e a maioría das aves. Desovan os cóngaros e emparéllanse os golfiños.
Desde a antigüidade en toda Europa celébranse as festas maiais o primeiro domingo do mes para conmemorar a chegada da primavera.
As orixes das festas de maio veñen do tempo dos antigos fenicios e gregos. Os celtas celebraban o Baltane, coíncidindo co tempo en que se comezaba a levar o gando aos pastos de verán de montaña. Os romanos celebraban a chegada das primeiras flores e os cristiáns adicáronlle o mes á Virxe María.
Nos nosos tempos séguese a celebrar a festa dos maios en moitos países de Europa.
En Galicia hai varias tradicións relacionadas cos maios. En moitos lugares (Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Ourense...) fanse os maios, monumentos vexetais de forma cónica ou con motivos figurativos adornados con flores, ovos, fitas... e cántanse coplas. Tamén se visten os rapaces de “maios” con ponlas e flores para ir polas casas a pedir agasallos.
En Cambados é costume coller ramos de “maio” ou xesta pola tardiña e poñelos nas portas das casas, nos coches, nas motos, nas bicicletas, nos barcos... para dar sorte e espantar ás meigas.