Maio 2011
Maio é o quinto mes do ano, con 31 días. O seu nome provén da deusa romana Maia, Fauna ou Bona Dea, deusa da fertilidade, da que este mes se celabra a festividade.
É o mes das flores. Florecen as xestas, os breixos, os toxos, as roseiras, os castiñeiros, as maceiras, as vides, as gramíneas, os estalotes, o seoane, as mapoulas, os ambroíños, os chuchameles ... Voan as sementes dos chopos, dos dentes de león... Vense moitos insectos: bolboretas, saltóns, xoaniñas, escarabellos, mosquitos, tabáns... Crían os gatos, as donicelas, as martas, os lobos, os furóns, e a maioría das aves. Desovan os cóngaros e emparéllanse os golfiños.
É tempo de sementar o millo, plantar patacas e comézase a sulfatar as viñas. Páñanse as patacas do cedo, os primeiros chícharos e, cara a fin de mes, as primeiras cereixas.
É un mes con moitas horas de luz, coa primavera no seu máximo explendor. Os día aumentaron 62 minutos. Este ano foi moi seco (só choveu catro días) e caluroso (con temperaturas máximas de28,5 ºC.
As tradicións máis importantes son facer os maios e o Día da Nai. En Cambados o primeiro de maio faise a Festa da Bicicleta. En Galicia celébrase o Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
Algúns refráns de maio:
-En abril augas mil, e no maio todas as que queiran vir
-Que chova en abril e maio anque non chova en todo o ano
-En maio bebe o boi detrás do arado, e se non bebe malo
-Polvo no maio e lama no agosto, anda o tempo descomposto
-Maio tolo, nin bo gato, nin bo polo
-San Fernando, pulgas á xente e moscas ao gando
-No mes de abril fai queixos mil, no mes de maio fai tres ou catro
-Ata o cuarenta de maio non quites o saio