Lume forestal en decembro

Máis de 3.300 hectáreas queimadas na cornixa cantábrica, case 300 en Galicia
5 Xaneiro 2016
lume forestal

Os incendios forestais son un fenómeno, non precisamente natural na maior parte dos casos, ao que desgraciadamente estamos moi afeitos a sufrir en Galicia. O que xa non resulta frecuente é que teñan lugar durante o derradeiro mes do ano, tal como ocorreu neste 2015 recentemente rematado,  xa que nesta época o esperable é que a abundante pluviosidade que caracteriza a todo o norte peninsular non favoreza a xeración de lumes e á súa propagación.

Pero un outono extraordinariamente pouco chuvioso e temperaturas inhabitualmente elevadas para esta estación, provocou que o monte atopárase moi seco. A esta situación engadíronse fortes ventos, que unha vez iniciados os lumes favoreceron a súa rápida propagación.

En total arderon máis de 3.300 hectáreas ao longo da cornixa cantábrica, das cales máis de 2.000 correspóndese á comunidade de Cantabria e en Asturias chegaron a coincidir máis de 120 focos simultáneos. En Galicia queimáronse cerca de 300 hectáreas, localizadas principalmente na Mariña Oriental na provincia de Lugo e na comarca de Valdeorras en Ourense.

Mapa incendios Asturias 20/12/2015

En canto ás causas, o número de focos, a súa distribución e a simultaneidade, sinalan a unha clara intencionalidade na súa orixe, aínda que, como é habitual, descoñécese a que intereses poden obedecer, se ben, na zona de Cantabria e Asturias falouse da intervención de gandeiros, xa fora pola eliminación de forma neglixente da broza forestal o na vontade de converter terreo forestal en pastos para alimentar aos animais, pero en ningún caso se puído establecer esta autoría mediante probas.

Sen esquecer a intervención humana como factor desencadeante desta situación non podemos obviar as condicións meteorolóxicas que de xeito inesperado e prolongado favoreceron esta circunstancia. No actual contexto sería fácil atribuír estes inhabituais datos de temperatura e pluviosidade ao cambio climático, se ben, para confirmalo faría falta observar se nos próximos esta situación puntual se converte nunha tendencia. De todos os xeitos, parece máis probable que ao causante teñamos que buscalo moi lonxe, concretamente no Pacífico, onde o fenómeno de “El Niño”, que de xeito transitorio e imprevisible provoca unha inversión da circulación das masas de auga oceánica e de aire atmosférico sobre a franxa ecuatorial do Pacífico, isto trae consigo chuvias torrenciais na costa pacífica de Sudamérica, normalmente moi seca, e elevadas temperaturas na zona comprendida entre o norte de Australia e o sureste asiático. Ata hai pouco tempo non se consideraba a posibilidade de que este fenómeno tivera consecuencias fora do ámbito do Océano Pacífico, pero hoxe en día sábese que inflúe na situación atmosférica a nivel mundial, polo que os extraordinarios datos meteorolóxicos do pasado outono puideran ter a súa causa neste fenómeno de “El Niño”, que nesta ocasión está a ter unha intensidade non observada en ocasións anteriores.

Fenomeno El Niño