Lixo: un problema tamén no espazo
Dende sempre o ser humano tentou coñecer todo aquilo que o rodeaba, así xurdiron grandes interrogantes como os límites do Universo ou a existencia da vida noutros planetas.
O afán do home de darlle resposta a estas preguntas supuxo o nacemento dunha investigación espacial, que trouxo consigo a produción de aparellos para o seu desenvolvemento como, por exemplo, as naves espaciais.
Estas son as primeiras que se nos veñen a cabeza, pero existen outros moitos aparellos situados en órbita ao redor do noso planeta, estou a falar dos satélites artificiais. Existen diversos tipos como, satélites de telecomunicación, satélites GPS, etc... Pero todos comparten o mesmo problema, que é que a maioría ao longo da historia foron sustituídos por versións melloradas e agora atópanse en desuso. Isto e máis os restos de foguetes, partículas de po, pintura, etc, é o que coñecemos como lixo espacial.
Actualmente o espazo pode definirse como un auténtico vertedoiro, xa que se calcula que existen aproximadamente un total de 700.000 obxectos que orbitan a velocidades incribles chegando aos 28.000km/h. Isto agravarase por mor do síndrome de Kessler.
Estes obxectos supoñen unha verdadeira ameaza para satélites en activo e naves orbitais, xa que o seu impacto produciría graves danos.
Este é o argumento dunha coñecida película, Gravity, onde a destrución dun satélite ruso supón a posta en perigo das vidas de dous astronautas.
Fronte a este problema a Axencial Espacial Europea (ESA) propón unha solución bastante modesta tecnolóxicamente, utilizada pola humanidade dende hai miles de anos, estamos a falar dunha rede de pesca para capturar satélites en desuso. Estas redes irían dobradas dentro de caixas de papel con pequenos pesos para axudar á captura do satélite.
Este proxecto xa foi posto a proba con éxito coa axuda dun Falcon 20, que permanece 20 segundos en caída libre para cancelar os efectos da aceleración, e espérase que se poida realizar no 2021.