A limpeza do noso estanque

4 Maio 2014
estanque limpeza

O xoves 10 de abril de 2014, os/as alumnos/as de 4ºESO D do I.E.S. Francisco Asorey decidimos facer un duro traballo, limpando o noso estanque.

Nel facemos moitas actividades, pero é un estanque con moi pouca diversidade xa que as tartarugas e os carpíns, especies invasoras nos ecosistemas galegos, comen as larvas  que saen das postas de insectos voadores.

O estanque estaba invadido por moitos peixes, tartarugas de Florida, pero sobre todo estaba cheo de papiros e plantas de “ciperus”.

O primeiro que fixemos foi coller sachos, bañeiróns, tesoiras de podar ..., para poder facer o noso traballo.

Logo puxemos as botas e collemos as ferramentas para poñernos a traballar. Víctor, o noso titor, colleu un caldeiro e foi baleirando pouco a pouco a auga, botándoa por unha arqueta que hai no centro do estanque. Collemos unhas redes (para pescar os carpíns), tesoiras de podar (para cortar as raíces do papiro), unha cámara de fotos (para sacar fotos da nosa actividade) ..., e con todo iso realizamos o traballo.

Pasámolo moi ben, pero claro, tivemos que “perder” catro horas de clase; “que pena...”

O noso estanque quedou agora sen carpíns, sen tartarugas (case!), sen parte dos vexetais e con moito menos lodo, que sacamos con bañeiróns.

Grazas ó traballo que fíxemos, agora agardamos ter máis biodiversidade no futuro.

Especies invasoras eliminadas:

“Papiro” (Cyperus papyrus) é unha planta herbácea perenne, que pode chegar a medir 10 cm de grosor e 4 m de altura. É unha planta orixinaria de África.

“Xunco” (Cyperus alternifolius) é unha planta herbácea perenne que pode chegar a medir 2 m de altura. É unha planta orixinaria de Madagascar.

“Carpín dourado” (Carasius auratus) é un peixe que habita en estanques ricos en vexetación. É de cor vermella e alaranxada con variedade de manchas negras ou claras, e poden chegar a medir ata 25 cm.

“Sapoconcho ou Tartaruga de Florida” (Pseudemys scripta elegans) é unha especie que habita en acuarios e estanques, ten o corpo verde con faixas amarelas e manchas vermellas. Pode chegar a medir 40 cm de lonxitude. É unha especie orixinaria de Estados Unidos.