Lanzado o satélite SMAP ao espazo

Permitirá predicir inundacións e monitorizar a humidade do solo e a evolución das secas
8 Febreiro 2015
Satélite SMAP

O pasado xoves, 29 de xaneiro, lanzouse o SMAP (Soil Moisture Active Passive), un satélite da NASA que medirá a humidade na superficie da Terra. Os datos serán comparados cos que recolle unha rede de sensores situada en Guareña (Zamora) e posta en marcha por investigadores do grupo de Recursos Hídricos da Universidade de Salamanca (HIDRUS).

A característica máis relevante do SMAP é que por primeira vez un satélite dedícase única e exclusivamente a rexistrar a humidade, unha variable de moita importancia e que resulta complicado medir. Ata agora, estas medicións só se podían facer sobre terreo e dunha maneira puntual, pero co desenvolvemento de sensores remotos xa é posible obter esa información a distancia dende avións ou satélites.

A información obtida por este satélite será de moi boa calidade, grazas a dous instrumentos que contan cunha gran resolución. Estes aparellos son un radar e un radiómetro. O radar realizará unha medición activa, é dicir, transmitirá microondas cara a Terra e recibirá sinais que regresan; e o radiómetro levará a cabo a medición pasiva, detectando as emisións naturais de microondas do planeta que varían segundo a auga do solo.

O SMAP describirá unha órbita polar; pasará por riba dos dous polos do planeta e aproveitará o xiro do planeta sobre o seu eixe para cubrir todo o territorio. Así cada uns cantos días farase un mapa de humidade de todo o mundo.

Grazas a este proxecto realizarase a investigación e predición meteorolóxicas, pode axudar a previr inundacións ou esvaramentos de terra, monitorizar secas e ata axudar á xestión de recursos hídricos e riscos hidrolóxicos.

Tamén hai grandes aplicacións para o campo da agricultura, xa que esta información pode ser unha gran ferramenta á hora de tomar decisións sobre o rego. Pero polo de agora, estes datos estarán uns anos unicamente á disposición de profesionais.

Non obstante, nos próximos dous anos o que se vai facer e tratar de validar os datos recollidos co SMAP e cortexalos cos que recollan os sensores de rede da Guareña, denominada REMEDHUS.