Un inimigo para o arsénico
O arsénico é un elemento químico da táboa periódica cuxo símbolo é As e o seu número atómico o 33. Este elemento, que se atopa amplamente distribuído en todo o medio ambiente (pois está presente no aire, na terra e sobre todo na auga) é moi tóxico cando se presenta na súa forma inorgánica, sendo considerado pola OMS (Organización Mundial da Saúde) como unha das dez substancias químicas máis preocupantes para a saúde pública, pois a exposición prolongada ou consumo de auga contaminada por arsénico inorgánico pode causar cancro e lesións cutáneas, así como problemas de desenvolvemento, enfermidades cardiovasculares, neurotoxicidade e diabetes.
O arsénico inorgánico natural presente en concas hidrográficas próximas a volcáns e no solo, unido ao arsénico liberado por certas actividades industriais, contamina a auga subterránea ata un grao preocupante, superando en moitos países, entre os que se atopan Arxentina, Bangladesh, Chile, China, a India, México e EEUU, a concentración de 10 ppb (partes por billón) considerada pola OMS como a máxima concentración segura para a saúde.
A pesar de que existen avanzados métodos tecnolóxicos para eliminar o arsénico das augas subterráneas, como a coagulación co ferro e aluminio, intercambio iónico e filtración por membrana, e estas son utilizadas amplamente en áreas industrializadas, estes métodos son caros e pouco prácticos para rexións rurais ou en vías de desenvolvemento.
Para facerlle fronte a este problema, os científicos estiveron explorando o uso de materiais de restos naturais, como as peles de plátano e as cáscaras de arroz, para retirar o arsénico da auga, pero estes mostraron unha eficiencia limitada.
Agora, un grupo de investigadores liderados por Jiaxing Li da Academia China de Ciencias, publicaron na revista Industrial and Engineering Chemestry Research un estudo no que demostran que, aínda que resulte irónico xa que o fume do tabaco contén unha certa cantidade de arsénico, a cinza do cigarro (grazas a súa estrutura porosa) pode ser utilizada como un medio de baixo custo para filtrar o arsénico dos subministros de auga.