Un inesperado descubrimento en Mauritania

2 Maio 2015
Paguristes candelae

Os cangrexos ermitáns son ben coñecidos e deben o seu nome ao hábito de empregar como vivenda o interior das cunchas baleiras de diversos caracois mariños, ás que normalmente se asocian as diferentes especies.

A característica máis destacada destes cangrexos é que teñen o abdome brando e máis ou menos en espiral, de aí que vivan dentro de cunchas baleiras de gasterópodos (caracois) para protexerse. Isto ten o inconveniente xa que cando medran deben de cambiala e buscar unha máis grande.

Os inexplorados fondos  de Mauritania están constituíndo unha fonte de especies novas para a ciencia. Os investigadores da Universidade de Vigo e do IEO estudaron todos os cangrexos ermitáns que recolleron ao longo das catro campañas oceanográficas Maurit que se desenvolveron en Mauritania dende o 2007 ata 2010. O estudo de todo ese material permitiulles identificar 13 especies diferentes, e unha delas, a Paguristes candelae, resultou ser nova para a ciencia. Atopáronse tres exemplares, dúas femias e un macho, que foron recollidos en tres estacións diferentes da zona, a unha profundidade de entre 376 e 574 metros.  A especie recibiu o seu nome por Candela, a filla dunha das investigadoras que depositou persoalmente o seu holotipo no Museo Nacional das Ciencias Naturais de Madrid.

Ademais da descrición da nova especie, na publicación os investigadores tamén propoñen o cambio de xénero de dúas especies, descríbese por primeira vez a femia de Paguristes marocanus, esténdese a área de distribución xeográfica de dúas especies e o rango batimétrico de tres, e cítanse por primeira vez en augas de Mauritania outras tres especies.