Indagando no virus Zika
A febre amarela, o dengue, o virus Chikungunya … teñen en común o feito de ser virus transmitidos polos mosquitos da familia Aedes. A súa orixe (sen exactitude) remóntase aos tempos nos que os pobos africanos comezaron a utilizar recipientes para almacenar auga. Foi a partir dese momento cando os mosquitos empezaron a depositar os seus ovos en ditos recipientes, adaptándose para infectar aos seres humanos. Ao grupo de virus antes citado tamén pertence o coñecido como Zika, enfermidade detectada por primeira vez nos anos 40 por casualidade e que é moi similar ao dengue en canto a síntomas, a pesar de ser moito máis leve, chegando en ocasións a presentarse como asintomática.
O seu descubrimento produciuse cando George Dick e Alexander Haddow, dous científicos escoceses, se encontraban no bosque de Zika (Uganda) investigando a cerca da febre amarela. Durante a súa estancia detectaron que distintos mosquitos eran activos a alturas diferentes, polo que colocaron unha xaula metálica nunha árbore e introduciron nela a un mono. Tras certo tempo, o primate comezou a desenvolver síntomas propios de febre e tras certas probas de laboratorio acabouse por determinar que padecía un virus descoñecido ata o momento.
As causas deste aumento masivo do virus relaciónanse coa urbanización, causante da ampliación do hábitat dos mosquitos. Hoxe en día sábese con certeza que o Zika non so se propaga pola picadura dos mosquitos senón que tamén pode ser comunicado sexualmente, dato curiosamente descuberto polo biólogo Brian Foy quen tras unha viaxe a Senegal foi infectado co virus, virus que máis tarde padecería a súa muller, quen nunca estivera en Senegal.
O tempo de incubación oscila entre os 3 e os 12 días. É a partir deste período de cando aparecen os síntomas. Xeralmente duran entre 4 días e unha semana. Nos casos máis comúns, as persoas afectadas poden ter febre de menos de 39ºC, dor de cabeza, dor muscular, inflamación de mans e pés e erupción na pel (que tende a comezar no rostro para máis tarde estenderse ao resto do corpo). Con menor frecuencia poden presentarse vómitos, diarrea e dor abdominal, entre outros.
Cabe destacar que non existen nin unha vacina nin un tratamento específico para o Zika. A mellor forma de combater o virus consiste no repouso e en tomar paracetamol co fin de controlar a febre. A Organización Mundial e Panamericana da (OMS, OPS) estima que a finais deste ano o virus podería afectar a entre 3 e 4 millóns de persoas.
Ante esta situación países como Estados Unidos por exemplo, xa comezaron a tomar medidas (a pesar de que non se dera ningún caso de contaxio no país), pedindo Barack Obama 1600 millóns de dólares ao Congreso co fin de “buscar unha mellor preparación ante a expansión do virus”.