Historias do Asorey. Os telleiros

27 Outubro 2013
telleiros Asorey

Unha das actividades realizadas no noso centro que tivo gran acollida foi o encontro cos telleiros de Castrelo.

En dúas ocasións (nos anos 2000 e 2008) fixemos traballos de investigación sobre este oficio aproveitanto que había alumnado veciño ou familiar de algúns dos telleiros que aínda conservaban o seu traballo na memoria e estaban dispostos a vir a contalo. Fixemos exposicións, videos, demostracións prácticas e conferencias. Con toda a documentación conseguida en 2008 editamos un libro, do que reproducimos a presentación:

Con este traballo queremos recoller e dar a coñecer parte do material e da información que se foi recollendo, primeiro no Colexio Público de Castrelo e máis tarde no Instituto Francisco Asorey por parte do profesorado e alumnado por medio de entrevistas, visitas, traballo de campo e investigacións.

Queda xa pouca xente que recorde como eran as telleiras e menos aínda persoas que tivesen traballado nelas, por iso, antes de que a memoria esqueza, queremos deixar testemuña de como era ese duro traballo, como homenaxe aos homes e mulleres que durante anos mantiveron unha tradición e un bo facer creando unha tecnoloxía e cultura propias. Queremos rescatar para a memoria as imaxes xa perdidas que algúns tivemos a sorte de vivir en directo e compartilas con todas aquelas persoas que estean interesadas en coñecer un pequeno e entrañable anaco da nosa historia recente.

telleiras libro

Pero tamén queremos que as novas xeracións, criadas nunha sociedade cómoda e de benestar, coñezan a forma de traballar dos seus antergos, tempos nos que os rapaces e rapazas deixaban cedo a escola para ir traballar e nos que moi poucos tiñan ocasión de estudar.

Adicámosllo a todas as persoas que nos axudaron, pero moi especialmente a:

Manuel González, do Couto (Castrelo) que nos abríu a telleira e fixo as últimas tellas de Castrelo no ano 1982.

Juan Varela Noya, do Santo (Sanxenxo), que nos permitíu ver traballar e facer unha reportaxe sobre a última telleira que traballou no Salnés, e posiblemente tamén en Galicia.

Ramón Lorenzo, do Couto de Abaixo (Castrelo) e Daniel  González, que fixeron unha demostración no instituto, no outono do ano 2000 e en maio de 2008”.

Como recordo destas actividades achegamos un video e unha presentación.