Historias do Asorey. O estanque
No ano 1998, hai aproximadamente 15 anos, decidimos construír un estanque no instituto, aproveitando un patio que non tiña ningún uso e que estaba cheo de silveiras.
Puxémonos man á obra e, con moito entusiasmo limpamos e cavamos o burato. Viñeron uns albaneis para botar cemento e enchémolo de auga. Pouco a pouco foi collendo forma e enchéndose de vida: ambroíños, xuncos, papiros, azaleas, ras, tartarugas, peixes... e toda caste de bichiños que foron aparecendo na auga e entre as plantas. Con eles viñeron tamén moitas malas herbas, que tiñamos que ir limpando periodicamente, sobre todo á volta das vacacións do verán. E tamén visitantes curiosos: pardais que viñan bañarse, lavandeiras ou rulas que criaron... algunha rata.
Periodicamente facemos algún traballo de observación. Aproveitando que é un ecosistema pechado que funciona de xeito autónomo, podemos observar a evolución das plantas e dos animais ao longo do tempo e as interrelación entre especies e das especies co medio. Pero, sobre todo, podemos gozar dun anaco de natureza no medio das aulas.