Fungos para a fame mundial
Un grupo de investigadores realizou un importante achado: un fungo capaz de resistir a elevada salinidade do mar Morto, onde foi atopado, e que podería acabar coa fame mundial.
Antes, críase que as extremas condicións do mar Morto impedían que este acollese vida, xa que a súa salinidade está arredor de 34,2 %. Porén, tras diversos estudos, descubriuse que existen varios organismos que son capaces de vencer as difíciles condicións do lugar, como o fungo Eurotium rubrum.
O fungo foi sometido a varios análises para estudar o seu xenoma e, ó separar a súa secuencia de ADN, descubriron que pode ser usado para crear ‘superplantas’ capaces de resistir elevados niveis de salinidade.
Segundo Eviatar Nevo, profesor da Universidade de Haifa, o fungo resiste ós extremos niveis de salinidade, xa que as súas células non permiten que o sal penetre nelas, evitando a deshidratación das mesmas.
O descubrimento supón unha gran posibilidade na loita contra a fame, xa que o seu xenoma podería ser usado para crear plantacións resistentes contra a salinidade que poderían ser colleitadas en zonas desérticas ou incluso regalas con auga de mar, xa que baixo o deserto se atopan grandes depósitos de auga salgada que poderían aproveitarse para dar alimento a poboacións que non teñen acceso a grandes depósitos de auga potable, ademais de que as plantas resistirían máis tempo sen ser regadas, algo moi beneficioso para o cultivo nestas zonas.
Aínda que polo de agora se está moi lonxe de pode aplicar este xenoma ás plantas que se desexa, por agora o xenoma foi descodificado, o que é un gran paso cara ese obxectivo.