As Fragas do Eume
Un espazo protexido como Parque Natural (agosto de 1997) e LIC, no curso baixo do río Eume onde se conserva unha das mellores fragas atlánticas de Europa.
A área protexida abrangue unha superficie de 9.125 ha nos vales do Eume e algúns dos seus afluentes, entre o límite das provincias de A Coruña e Lugo (concello de Xermade) e o límite da influencia das mareas na parroquia de Ombre en Pontedeume, a Serra do Queixeiro e parte da vertente coruñesa da Serra da Loba.
O Eume, eixo do parque natural, e os seus afluentes forman vales profundos nos que se conservan áreas de bosque atlántico de gran pureza cunha gran diversidade de especies de animais, vexetais e fungos, algunhas moi raras ou únicas. Na área do parque podemos atopar diversidade de ecosistemas: bosques de ribeira, fraga atlántica caducifolia, monte baixo e algunha zona repoboada con piñeiros e eucaliptos. Á riqueza e diversidade biolóxica hai que engadirlle a beleza da paisaxe con boas vistas panorámicas sobre a fraga e o río, vales encaixados e fervenzas.
No interior do parque natural está o Mosteiro de Caaveiro, fundado no século X, cunha igrexa románica do século XII e nas proximidades o mosteiro de Monfero e o castelo de Leboreiro. Na parte alta do espazo atópase o encoro do Eume ou da Capela e máis abaixo os restos das antigas centrais Ventureira e O Parrote.