Fluorescencia canceríxena

3 Outubro 2014
cancro-fluorescencia

As células que forman parte dun tumor son moi diferentes no tocante á súa morfoloxía. Só o 2% delas correspóndese coas células nai, as cales son a orixe do cancro. Ademais, estas son moi difíciles de atopar, capaces de resistir á quimioterapia convencional e incluso chegar a rexenerar o cancro.

Un grupo de investigadores do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), capitaneado pola viguesa Irene Miranda, descobre que estas células son fluorescentes. Foi «un briliño de fondo no microscopio» cando estaba a analizar unha mostra dun tumor o que chamou a atención da xenetista. Grazas a seren brilantes, agora será moito máis doado localizalas entre os millóns de células heteroxéneas que compoñen o tumor. A súa autofluorescencia tamén facilitará tratalas con terapias personalizadas e estudar a súa resistencia aos fármacos.

Os resultados da investigación acaban de ser publicados na prestixiosa revista científica “Nature Methods”, o que terá unha gran repercusión no avance dos tratamentos oncolóxicos.

Esta autofluorescencia correspóndese con que estas células nai conteñen vitamina B2 (tamén denominada riboflavina), un pigmento que emite fluorescencia de cor verde como resultado da súa acumulación en vesículas intracelulares, que confiren luminosidade ás celulas. Irene Miranda explica que esta propiedade permite identificar as células nai canceríxenas sen ter que utilizar anticorpos ou outro tipo de técnicas máis complexas e de maior custo económico.

cancro-fluorescencia1

O achado dá paso a que os investigadores do CNIO poidan agora buscarlle resposta ao por que da súa quimiorresistencia. Xa teñen algunhas sospeitas: Irene Miranda apunta que pode tratarse da carencia dunha serie de proteínas que o resto das células conteñen na súa membrana, empregadas polos fármacos para identificar e atacar o cancro. Outra das causas é que estas células divídense pouco, e moitos tratamentos aproveitan o procedemento de partición das células para destruilas.