A flor máis grande do mundo

11 Xaneiro 2015
Rafflesia arnoldii

Ó longo da nosa vida vemos miles e miles de flores de moi diferente cor, altura, tamaño, etc. Pero a ninguén se lle pasa pola cabeza que poida existir unha flor das dimensións da Rafflesia arnoldii. Esta planta carece de follas, brotes e raíces e a súa flor pode alcanzar case un metro de diámetro e pode chegar a pesar ata 11 kg. Trátanse de flores carnosas de color vermello ou laranxa, que posúen cinco lóbulos e que se manteñen abertas entre cinco e sete días. Os individuos producen flores machos e femias que se atopan moi preto unhas das outras e que logran reproducirse  grazas ós insectos, que as polinizan, e ós roedores, que son os que dispersan a semente logo da maduración dos froitos da planta. Para atraer a atención dos insectos as súas flores desprenden calor e unha forte olor fétida, polo que as moscas confúndena cun animal morto, pósanse nelas epolinízanas. Esta estraña planta da cal existen máis de 15 especies, non se comporta como o resto dos vexetais, xa que non posúe clorofila e, polo tanto, non realiza a fotosíntese, aínda que está demostrado que contén o xene que permite levala a cabo. Trátase dunha planta parasita, que crece sobre a raíz das árbores, de onde obtén os nutrientes necesarios, que se atopa nos bosques húmidos de Indonesia e nas selvas do sueste de Asia. As flores da Rafflesia evolucionaron fai 46 millóns de anos a un ritmo acelerado pero logo de aumentar o seu tamaño unhas 79 veces con respecto ó inicial, a planta volveu a un ritmo evolutivo máis suave. Este impulso evolutivo é un dos cambios máis espectaculares con respecto ó tamaño coñecido ata o momento entre as eucariotas. Para darnos conta das magnitudes desta evolución, se o home experimentase agora un crecemento evolutivo semellante ó desta planta, a media da nosa altura serían uns 146 metros. Ademais da Rafflesia arnoldii, existen outro tipo de Rafflesias entre as que destacan a Rafflesia cantleyi, que posúe unhas verrugas de cor branca na base dos pétalos; a Rafflesia tuan-mudae, que vive como parasita dunha especie de lianas chamadas Tetrastigma; a Rafflesia chadenbergiana, que ten un diámetro entre 52 e 80 centímetros, e a Rafflesia mira, que foi descuberta na selva tropical de Filipinas.