A festa de San Xoán
Desde tempos moi antigos celébrase en toda Galicia a noite de San Xoán.
Na nosa zona hai varias tradicións relacionadas con esa noite: facer fogueiras, facer trasnadas e preparar a auga con herbas.
A xente aproveita as fogueiras para queimar mobles vellos ou recolle leña e restos de madeira. Desde hai uns anos tamén se fan sardiñadas e churrasco.
Hai que saltar as fogueiras dicindo “Sálvame, lume de san Xoán, pra que non me morda cadela nin can”. Din que saltar as fogueiras espanta as meigas, purifica das tentacións e déixate libre da envexa.
Unha tradición común nos mozos é a de facer trasnadas collendolle as cancelas e outros utensilios ao veciños e deixándollas na porta da igrexa ou no campo da festa.
Outro costume é facer a auga pola tardiña e deixala serear toda a noite para lavarse pola mañán e purificarse. A auga faise con herbas variadas que teñen que ser pañadas antes de que se meta o sol: ruda, herba luísa, fiúncho, macela, chuchameles, malva, menta, follas de limoeiro e vide, carrasquilla, romeu...