Fervenzas de Galicia

11 Marzo 2015
Fervenza do Xallas en O Ézaro

Galicia, debido á súa situación xeográfica, presenta unha paisaxe moi difícil de ver en calquera outro lugar, e unha parte fundamental desta paisaxe é a auga: cataratas, fervenzas, cachóns, ruxidas... Pero as fervenzas teñen un encanto especial e é nelas nas que nos imos centrar.

O relevo galego fai que as borrascas que chegan dende o Atlántico se atopen cun obstáculo, orixinando precipitacións que dan lugar a unha gran cantidade de cursos fluviais, encargados de erosionar o terreo e, unha vez que perden forza, acumular estes materiais erosionados.

 As fervenzas pódense producir por un afundimento do terreo, pola diferente resistencia que presentan as rochas ou por variacións do nivel da desembocadura do río.

É moi  frecuente que se formen fervenzas cando un río atravesa unha zona formada por rochas de distinta dureza intercaladas formando capas horizontais chamadas estratos, xa que a auga erosiona a rocha máis branda pero non consegue facer o mesmo coa que presenta maior dureza, dando lugar así a unha fervenza.

Tamén pode formarse unha fervenza cando un río desemboca nun val de orixe glaciar máis grande e profundo ca el, como por exemplo un afluente que chega ó río principal formando unha fervenza xa que este último erosionou o val por ter unha forza erosiva maior.

O tipo de rochas tamén inflúe na forma das fervenzas, xa que as graníticas fan que estas presenten bloques desordenados e con diferentes estados de erosión e as e estratificadas, que poden ser sedimentarias ou metamórficas, fan que as súas paredes sexan rectas e non presenten apenas fracturas.

A principal causa das fervenzas en Galicia son as fallas, xa que a separación de dous bloques e o afundimento dun deles produce un salto da auga entre eles. Aínda así, a formación destes monumentos naturais soe resultar da mestura de varias causas moi difíciles de distinguir debido ó paso do tempo e á acción dos axentes xeolóxicos externos.

Debido á súa situación estratéxica e ó complicado que soe ser chegar a elas, adoitan ser unha das mellores exposicións da flora e fauna autóctonas, polo que moitos concellos  están levando a cabo unha labor de recuperación destes espazos para tratar de aproveitalos como atractivo turístico.

Algúns exemplos das fervenzas do Salnés e Caldas son a Fervenza de Segade, onde o Umia salva un desnivel de 20 metros con rochas graníticas que o río vai erosionando, polo que a fervenza vai retrocedendo lentamente. Arredor preséntase unha vexetación de ribeira con salgueiros, carballos, fentos...; a Fervenza de Valga, onde un afluente do Valga forma un estreito val entre rochas graníticas con varios rápidos e fervenzas, presentando a máis grande uns 10 metros de altura; e a Fervenza de Meis, onde o rego da Armenteira forma varias fervenzas e pequenas zonas de rápidos tamén con rochas graníticas.

 

As fervenzas non posúen unha gran biodiversidade debido ós seus grandes desniveis, correntes cunha gran velocidade, etc, pero si teñen un gran valor estético, polo que deberían ser coidadas e preservadas, moi lonxe do que se fai hoxe en día con elas, por aproveitamentos hídricos como os encoros, ou hidroeléctricos como as centrais hidroeléctricas, que causan un gran impacto e limitan outras posibilidades económicas, como o turismo natural, que poderían producir grandes beneficios sen levar consigo unha destrución do medio.

Información: Augas caídas (fervenzas de Galicia)