Facendo radioastronomía dende o Asorey

9 Marzo 2013
Partner

A pasada semana os alumnos de física e química de 4º da ESO do IES Francisco Asorey  realizaron unha observación astronómica coa antena DSS 61, situada na localidade de Robledo de Chavela ( Madrid).

A antena, que nas décadas dos anos 60 e 70 foi utilizada pola NASA para facer o seguimento do programa APOLO, é agora do proxecto PARTNER. Foi cedida pola NASA ao Ministerio de Educación, coa finalidade de que poida ser utilizada en actividades que lle  permitan  ao alumnado ter unha visión aproximada da forma de traballar dos científicos na súa tarefa diaria. Houbo que solicitar tempo de observación, conectarse co ordenador central da estación de seguimento de satélites, ter acceso libre á antena para poderlle enviar a información necesaria para o seu movemento...

Foron os alumnos os encargados de dirixir a antena dende o laboratorio de física utilizando unha conexión vía internet.

Partner1

Realizáronse os seguintes pasos:

-Calibrado da antena: medida de temperaturas.

-Apuntado da antena: Barridos en DEC e XDEC

-Tránsitos da fonte de emisión: a radiogalaxía Cisne-A

-Corrección da contribución da atmósfera: Curva Tipping

Partner2

Despois de dúas horas de actividade, os datos obtidos na observación foron enviados ao instituto dende o centro de control de Madrid, para que poidamos facer a reducción dos datos e determinar as características físicas da radiogalaxia estudiada.