Esplendor na "herba"

Biodiversidade e importancia das praderías de seba
7 Abril 2013
Seba

Nos libros de natureza pode lerse  que no esteiro ideal, as áreas máis profundas da marisma, aquelas que só quedan ao descuberto nas baixamares máis intensas son o hábitat característico da seba de folla ancha (Zostera mariña), planta que forma comunidades case monoespecíficas  desta especie e que se coñecen como praderías de seba  ou praderías de fanerógamas mariñas.

Estudios realizados en 210 enclaves costeiros distribuídos entre a desembocadura do Miño e o litoral francés indican que as praderías de seba de maior tamaño e mellor conservadas desta zona atópanse na Enseada de O Bao, na Enseada de San Simón, na Ría de Ortigueira e na Ría de Santoña.

A enseada de O Bao forma parte do espazo natural Ons-O Grove, debido a que entre outros valores, conta con praderías de fanerógamas mariñas que están consideradas un hábitat preferente da Rede Natura 2000 (rede de espazos naturais protexidos pola Unión Europea). Estes ecosistemas están protexidos pola Directiva Europea Hábitat, porque se considera que conta cunha gran diversidade, comparable a escala cos sistemas coralinos doutras latitudes, xa que neles se dan cita numerosas especies de plantas, algas, invertebrados e vertebrados, así como as formas inmaturas de moitas especies de interese pesqueiro.

Non é un alga, é unha planta

seba1

As  sebas son vexetais e non algas, son plantas con flores (fanerógamas mariñas) vexetais  formados por unha raíz, un talo (rizoma) que medra no substrato lamacento e grandes follas. En primavera  a seba forma as flores que posteriormente orixinarán os froitos e as sementes.

As praderías de seba están formadas por dúas especies pertencentes ao Xénero Zostera que se diferencian doadamente a simple vista. A maior profundidade medra a seba de folla ancha (Zostera marina) e próxima á beira do mar, quedando ó descuberto na maior parte das baixamares, medra a seba de mar de folla estreita (Zostera noltii) que tamén forma comunidades monoespecíficas.

A diferencia entre ambos os dous tipos de follas constitúe un claro exemplo de adaptación ao seu hábitat. Como ocorre con moitas algas, a Zostera marina ten follas anchas e moi estreitas que se manteñen ergueitas aboiando na auga. Sen embargo esta forma resultaría pouco eficaz para unha planta como Zostera noltii, que permanece emerxida durante a baixamar, momento en que as follas se superporían unhas sobre outras, limitando a capacidade para captar luz e realizar a fotosíntese.

Nas augas pouco profundas a seba medra formando parches, en moitas ocasións intercalados con zonas areosas, mentres que a maior profundidade medran de forma máis homoxénea. Nas zonas abrigadas como é o caso da enseada, a zostera que necesita realizar a fotosíntese, aparece a 1 ou2 metrosde profundidade.

Riqueza e biodiversidade: un ecosistema, múltiples ambientes

Ao inicio apuntábase a similitude existente entre a abundancia de vida mariña  nas monocromáticas praderías de seba e nos espectaculares e multicolores arrecifes coralinos dos mares tropicais. Os arrecifes de coral, paraísos de vida, son exemplos de riqueza e variedade de especies, pois neles atopan refuxio e alimento unha gran multitude de seres vivos. Son precisamente estas dúas necesidades as que debe cubrir  prioritariamente todo organismo. Cando aumenta a cantidade e variedade de refuxio e de alimento, como ocorre nos arrecifes coralinos, a consecuencia inmediata será un gran incremento da cantidade e variedade de especies; é dicir, da biodiversidade dese ecosistema.

Unha gran parte do fondo da Enseada de O Bao está cuberta por areais que teñen unha gran importancia económica desde o punto de vista do marisqueo; sen embargo como ecosistema, o banco areoso resulta infinitamente máis pobre en canto a biodiversidade que os sebais próximos. Da area resulta difícil obter alimento a non ser que sexas un organismo filtrador (caso das ameixas e berberechos) e o poidas obter do planto da auga do mar; e claro, só nas pleamares. Ademais o único refuxio poderías atopalo na area, soterrándote, para o que cómpre ter unhas condicións axeitadas (o pé musculoso das ameixas e berberechos ou o flexible e turxente corpo das miñocas). A mobilidade dos grans de area impide o asentamento de algas que aumentarían as posibilidades de existencia doutros seres vivos. Polo tanto o que se considera riqueza dos medios areosos; é dicir, abundancia de determinadas especies de moluscos comerciais, refírese unicamente a riqueza económica e non biolóxica.

A seba consegue transformar un lamazal nun dos ecosistemas mariños máis ricos e con maior biodiversidade das nosas latitudes; e a clave está na cantidade de medios ou hábitats que as plantas de zostera orixinan cando forman estas extensas praderías. No mesmo ecosistema atópanse o medio soterrado de area e lama, o medio formado polos rizoides tumbados, o medio creado na parte baixa e mesta das follas de zostera, o medio da zona alta das follas independente do substrato, o medio creado nas superficies apicais das follas onde medran multitude de organismos apegados (organismos epífitos), o medio orixinado polas canles de area que atravesan os sebais e o medio formado pola capa de auga libre que recobre a pradería. Ademais de contar coas súas propias e características especies, cada un destes medios sonutilizados por moitas outras que coexisten utilizando distintos lugares á vez ó longo do seu ciclo de vida. A todo isto habería que engadir o efecto enriquecedor dos ciclos día-noite, pois coa caída do sol, son moitos os bancos de peixes que buscan protección e refuxio nas praderías de seba.

Especies emblemáticas, especies productivas e simplemente especies

seba2

Ovos de caramuxo

A gran superficie das follas de zostera é utilizada por unha gran variedade de organismos como medio de vida. Conforme se desenvolven as follas, sobre elas van asentándose, primeiro as bacterias e despois as algas verdes, pardas, vermellas e cianofíceas. A continuación farán o mesmo os animais que viven fixos como as esponxas e as colonias de pólipos de hidrozoos, briozoos, así como tamén os mexóns coloniais.

Nunha primeira ollada a pradería de seba semella pobre e carente de vida animal, pero isto simplemente é porque na natureza a supervivencia adoita consistir en pasar desapercibido ante os depredadores. Moitos invertebrados (cnidarios, anélidos poliquetos, moluscos, crustáceos e equinodermos) viven debaixo da lama, entre as raíces e rizomas ou directamente na superficie e entre e sobre as follas.

As pouco valoradas miñocas (anélidos poliquetos) viven e se alimentan da lama. Diversas e abundantes neste medio, xogan dúas importantes funcións ecolóxicas, por unha banda na degradación e descomposición da gran cantidade de materia orgánica que contén a lama, e por outra ser o alimento para outros seres vivos. Xunto cos moluscos, son a máis importante fonte de alimentación para as chamadas aves limícolas, as grandes protagonistas do Espacio Natural Ons-O Grove.

Os moluscos máis característicos dos sebais son as lesmas e lebres de mar, entre as que destacan polo seu tamaño as Aplisias ou tinteiras. Gráciles, de lentos movementos, inadvertidos; son os grandes herbívoros da pradería, os que controlan o crecemento vexetal e tamén as presas dos grandes depredadores acuáticos. Pero sen dúbida o molusco que mellor explota todas as posibilidades do sebal é a xiba (Sepia officinalis). Son depredadores implacables que se alimentan de invertebrados e pequenos peixes. Entre a seba depositan as súas postas semellantes a acios de uvas. Delas nacen pequenos choquiños que viven as primeiras etapas do seu desenvolvemento da cabalo entre a seba e as canles areosas, onde corren o perigo de se converter en presas doutras especies.

Os peixes dos sebais aliméntanse primordialmente de crustáceos, a pesar de ser ,os últimos, uns mestres da camuflaxe. Os cangrexos araña (Inachus sp, Macropodia sp) coas súas formas fantasmagóricas, miméticas cores e a gran variedade algas, esponxas e pólipos apegados, son practicamente invisibles. Os camaróns (Palaemon sp), que neste medio adquiren unha cor verdosa semellante ao das follas comparten función ecolóxica coas miñocas na descomposición da materia orgánica. Está misión é fundamental para o correcto funcionamento das cadeas alimenticias mariñas.

Tamén os equinodermos están ben representados nos sebais. As holoturias ou carallos de mar desprázanse entre os rizoides inxerindo a lama da que obteñen o alimento. No mesmo ambiente atópanse estrelas e ourizos de mar; algúns destes últimos (ourizos irregulares) tamén se atopan debaixo do sedimento.

Non todos os peixes das praderías de seba viven nelas permanentemente, pois hai moitos que só as visitan en certos períodos de tempo polo que se podería falar dos que residen permanentemente, os que só o fan en certa estacións, os migratorios e os ocasionais.

Ademais de adultos estas praderías constitúen un imprescindible medio para a cría de peixes que se alimentan do abundante zooplanto ou dos organismos apegados ás follas. Ademais a presenza doutros hábitats próximos como rochedos, os bancos de area ou as bateas incrementará a biodiversidade de especies.

O grupo máis emblemático e mellor adaptado á vida entre a zostera é o dos cabaliños de mar (Signatiformes). Na enseada de O Bao conviven dúas especies de cabaliños (Hippocampus hipocampus e H. Guttulatus) que están protexidas pola lexislación internacional, pois están claramente en regresión a nivel mundial. Son peixes moi difíciles de observar debido a súa cor e á súa capacidade para imitar as follas das plantas.

Sen dúbida unha das funcións máis importantes que levan a cabo estes ecosistemas é que son a zona de cría e refuxio dos exemplares xuvenís  de moitas especies de peixes comerciais como anguías, salmonetes, vellos, ollomoles, bogas, piardas, etc., co cal esta capacidade de produción de peixes resultará de gran importancia para a pesca artesanal.

Ameazas e conservación das praderías de seba

O enorme desenvolvemento urbanístico que está a experimentar litoral do Salnés nos últimos anos está creando unha grande presión medioambiental sobre os ecosistemas mariños próximos, e a Enseada de O Bao non é unha excepción.

As praderías de seba non escapan ao efecto negativo que sobre elas poden producir a construcción de portos industriais, deportivos, praias artificiais, emisarios submariños, vertidos de augas residuais e determinadas artes de pesca ou cultivos mariños. Como consecuencia deste tipo de actuacións sobre o medio prodúcense  determinados factores como son a diminución na penetración da luz, o aumento da turbidez da auga do mar e a excesiva achega de materia orgánica, que segundo os expertos orixinan un gran incremento dos organismos epífitos (apegados ás follas) sobre as plantas, así como o aumento das bacterias e algas diatomeas e cianofíceas sobre a lama que teñen un efecto negativo no crecemento das plantas de zostera.

Na actualidade este tipo de ameazas sobre a Enseada de O Bao son reais.

Pensamos que se debería chegar a un equilibrio que permitise conservar a extensión actual dos sebais e actuar soamente sobre as novas zonas que a zostera está a colonizar. Aínda así non debemos esquecerr que o aumento deste tipo das praderías de seba terá un efecto indirecto  positivo sobre as pesquerías tradicionais debido a súa importancia por ser zona de cría e refuxio de exemplares xuvenís de moitas especies de peixes de interese comercial.