Especies que traspasan fronteiras

As especies foráneas introducidas no noso territorio constitúen unha grave ameaza para a fauna e flora autóctona
3 Abril 2014
Cangrexo americano

As especies exóticas invasoras son especies foráneas introducidas noutro territorio, que despois de certo tempo conseguen adaptarse ao medio e colonizalo.

A forma da que poden chegar estas especies ao novo territorio pode ser accidental, por exemplo a través do comercio e o transporte, ou de forma intencionada por parte do ser humano, como pode ser que unha persoa teña un animal exótico como mascota e logo dun tempo decida abandonalo na natureza.

Unha vez que son introducidas, estas especies comezan a explorar o novo territorio para localizar as principais fontes de recursos (auga e comida), os inimigos máis habituais e os demais perigos do entorno, e con toda esta información, adaptan o seu comportamento ao novo hábitat. Logo, empezan reproducirse e vanse expandindo progresivamente. As especies nativas, como non  evolucionaron en contacto con estas novas especies, non poden competir con elas e acaban sendo desprazadas.

Como vemos, que unha especie exótica se converta en invasora depende de varios  factores, como poden ser o propio ecosistema, a capacidade da especie de adaptarse ao novo ambiente, ter un crecemento poboacional rápido ou a existencia ou non dos inimigos naturais propios da especie invasora.

Especies invasoras

As que si están claras son as consecuencias que estas especies provocan. En primeiro lugar, desprazan ás autóctonas (poden chegar incluso a facelas desaparecer), polo que  alteran a cadea trófica e a estrutura dos ecosistemas, supoñendo una gran ameaza para a biodiversidade. En segundo lugar, as pragas destas especies causan grandes danos no sector agroalimentario, xa que poden afectar ás colleitas ou incluso ás infraestruturas. Por último, poden ser portadores de enfermidades exóticas que poden contaxiar tanto a outros animais e plantas, coma aos humanos.

Cabe destacar que o mar Mediterráneo, que baña as costa este de España, conta con 637 especies invasoras, o que o converte na rexión do planeta con maior número de especies invasoras.

En España existe unha lei que regula as especies invasoras, cuxa última modificación tivo lugar en 2013. No novo catálogo recóllense ata 181 exemplares de flora e fauna que constitúen unha ameaza grave para a economía e a biodiversidade autóctona.