Erupción do volcán Calbuco
Unha inesperada e sorprendente erupción tivo, o mércores 22, o volcán Calbuco, a uns 1000 Km ao sur de Santiago de Chile, o que obrigou as autoridades a ordear a evacuación preventiva de máis de 4.000 persoas que viven nun radio de 20 Km.
Despois dunha serie de tremores, a primeira explosión produciuse ás 17:50 hora local e provocou unha columna de fume duns 17 quilómetros de alto, cunha forma similar a un fungo atómico. O Goberno decretou a alerta vermella total, que significa que o proceso eruptivo en curso implica unha “alta ameaza para a poboación”.
A madrugada do xoves 23 producíuse un segundo estoupido. Aínda que o volcán non desprendeu lava, pequenas localidades dos arredores sofren unha chuvia de cinzas e unha mala calidade do aire. Enseada, un pobo próximo ao Calbuco, ten aproximadamente corenta centímetros de material piroclástico, unha densa capa de pedras e area que mesmo destruíu algúns teitos das casas. A nube de fume mesmo chegou a cidades como Temuco, a capital rexional situada a 355 Km da zona de explosión.
O Calbuco, é un dos tres volcáns máis perigosos dos 90 activos que ten Chile, e permanecera 43 anos inactivo. A súa última erupción rexistrouse en 1972, aínda que foi de baixa intensidade. A rexión onde se atopa é coñecida por ser un dos principais focos turísticos nacionais, visitado por chilenos e estranxeiros xustamente por estar rodeado de montañas e lagos.