A erupción do Sinabung

19 Abril 2014
volcán Sinabung

O pasado mes de xaneiro entrou de novo en erupción o volcán Sinabung, situado ao norte da illa de Sumatra (Indonesia).

O monte Sinabung é un estratovolcán de 2.460 m de altitude que, despois de 400 anos de calma, tivo as últimas erupcións en agosto de 2010 e xaneiro de 2014. Ten catro cráteres, dos que só un está activo. Está formado por andesita e dacita.

O volcán forma parte do arco de Sonda, unha cadea volcánica situada entre o Cinturón Alpino e o Cinturón de Lume do Pacífico, consecuencia da subdución da placa Indo-Australiana baixo a placa Euroasiática.

Erupcións de 2010: expulsou unha nube de fume e cinza que acadou os 1.500 m de altura sobre o cume. Evacuáronse a 12.000 persoas e non houbo informes de víctimas.

Erupcións de 2013: varias erupcións que provocaron a evacuación dos residentes na zona e arrasaron os cultivos. O 28 de decembro formouse un domo de lava no cume.

Erupcións de 2014: comezaron o 4 de xaneiro, coa expulsión de materiais ata 4.000 m de altitude. Volveu a ter outra erupción o 1 de febreiro. 14 persoas morreron a causa da erupción e 31 persoas por afeccións pulmonares, asma ou hipertensión. Entre os mortos atopábanse un periodista da televisión e catro estudantes de secundaria que se atopaban estudando o volcán xunto cos seus profesores.