Entrevista a Ramón Galiñanes

Como era a vida noutros tempos
9 Decembro 2010
Ramón Galiñanes

Estivemos na casa de Ramón Galiñanes; un vello mariñeiro, de 97 anos, que vive no barrio de San Tomé en Cambados.

Tivemos unha conversa con el na que analizamos os cambios que experimentou a nosa sociedade desde a súa xuventude ata a hoxe. Falamos de consumo e residuos, de enerxía, transporte e comunicación así como da súa percepción das posibles variacións que o clima puido experimentar ao longo da súa vida. Pero sobre todo, pasamos unha hora agradable gozando dos recordos da súa xuventude.

 

COMEZAMOS FALANDO DO CONSUMO E DA PRODUCIÓN DE RESIDUOS

- Que tipo de tendas eran as habituais na época na que vostede traballaba como mariñeiro? Tiñan moita variedade de produtos?

Eran tabernas que tiñan de todo, puntas, cravos, tacholas, tiñan pan, viño, aceite..., chamábamoslle tabernas.

- Era normal ir todos os días a mercar á tenda?

Si, íase a comprar á taberna todos os días. Ía todo o mundo a mercar, porque mercado había so os mércores e os domingos pola mañá.

- A rutina habitual de consumo no fogar producía moita cantidade de lixo? Que tipo de lixo se xeraba? Que se facía con el?

Acumulábase moito lixo, pero collíase nun cacharro e tirábase ao mar. Era o único sitio que había. Ou os sobrantes que había dunhas cousas ou outras, das comidas ía para as galiñas ou para os porcos.

- Ou sexa que na súa época reciclábase todo?

Si todo, todo.

- E agora non se recicla nada...?

Agora para todo temos que pagar, e daquela non pagabamos nada a ninguén. Daquela gañabas tres chicas e eran tres chicas para o teu peto. Pero hoxe, gañas tres chicas e tes que pagar real e patacón de impostos, empezas pola contribución, empezas porque hai que pagar os sellos... e daquela non había que pagar nada de nada.

 

FALAMOS DE ENERXÍA, DO TRANSPORTE E DAS COMUNICACIÓNS

Ramón Galiñanes1

- Naquela época tiñan electricidade na súa casa?

Non,  non daquela non había electricidade na casa.

- E como facían; prendían velas?

Unhas veliñas, acendías unha vela que custaban 3 chicas ou unhas candelexas que había que se colgaban da parede, uns tarros grandes un vaso ou un cacharro vello de pintura e botábaselle aceite, bueno, aceite non que o aceite ía moi caro ou botabas un pouco de saín, graxa das sardiñas, e poñíaselle un trapo no medio e mollábase un pouquiño e estaba acendida toda a noite,

- E tiñan vehículo de transporte?

Deso nada, nada, bueno na casa tiñamos un burro para levar e traer as cousas e non ter que traelas na cabeza que non rexías. Utilizábanse moito os burros porque coches non había, aínda que carros de bois si.

- E para o traballo no campo?

No campo traballábase co legón, si había bois pero había poucas casas que os tiveran. Tamén tiñamos dous barcos para ir ao mar porque a nosa casa era valida. Coches non había ningún. Bueno só había un e iso xa cando eu tiña 10 ou 12 anos, que foi cando empecei a ir ao mar. Porque non tiña a ninguén, porque morrera a miña nai e quedaba coa miña irmá que era catro años máis vella ca min.

 

... E REMATAMOS FALANDO DO TEMPO

- Como sabían o tempo para ir ao mar?

Coñeciamos o tempo catro veces mellor que agora, o que ía facer mañá ou pasado e non fallabamos. Mirabamos para o ceo por onde viñan as nubes, e o tempo que estaba e non se equivocaban nunca. E íamos para o mar moitas veces pechado de néboa e viñamos pechados de néboa para terra. E aqueles vellos non se equivocaban nunca, estabamos en tal sitio e estabamos en tal sitio, e o problema era cando facía moito vento que non podiamos vir para terra e había que durmir alí ao abrigo das pedras ou cons...

- Cambiou moito o tempo do de antes ao de agora?

Moito, moito, moito, daquela había veces que estaba ata tres meses seguidos chovendo, chovía e ventaba e pasaban meses e non podiamos ir ao mar. Pero nos tiñamos aí un gran serrido (banco marisqueiro) e alí había de todo, igual se collía un peixe, como nécoras, centolos, fanecas, peixes de todas clases... e podiamos ir ao mar a calquera hora e sempre se collían peixes, o malo era que chegabamos a terra e non había quen o quixera, porque íamos todos ao peixe e non había a quen venderlle.

- Cambiou moito a forma de vida?

Cambiou, cambiou moito, cambiou.

- A forma de vida dos mariñeiros de antes?

A forma de vida dos mariñeiros de antes unha vida desgraciada, pero unha desgracia por completo.

- Agora teñen máis comodidades?

Os de agora non son mariñeiros que son señoritos, igual van de paraugas para o mar e é como se non fora nada, daquela había que ir a vogar e a vela cando había vento.

- E se querían pescar lonxe?

Lonxe? Saiamos a o mar a onde fora, saiamos ata pasar Aguiño, ou a Sálvora que hai oito km e quedabamos alá moitas veces, non se podía vir... e quedabamos a durmir debaixo da tilla e faciamos a caldeirada, a caldeirada facíase todos os días.

See video