Entrevista a un mariñeiro do xeito

28 Xaneiro 2015
xeito

Na reunión da Comisión de Pesca do 16 de outubro de 2014 examinouse unha proposta de Regulamento polo que se prohibe a pesca con redes de deriva.
En Galicia, existe unha arte de pesca denominada «xeito» que, en caso de que o devandito Regulamento fose aprobado, sería prohibido. O «xeito» é unha arte de pesca artesanal e tradicional que consiste nunha pequena rede de carácter artesanal que respecta o medioambiente e  é selectiva. Este método practícase en zonas moi próximas da costa e nas rías galegas, con barcos de 1 ou 2 tripulantes. Esta arte practicase entre mareas, e dicir, esta arte vai coas mareas, estas mallas nunca van tocar o fondo mariño xa que quedan en suspensión no medio do mar.

Pero esta arte de pesca non é das máis perigosas, xa que pode haber artes moito máis agresivas para o fondo mariño que arrastran máis do que deberían, como o trambolín que consiste nunha vara de metal que solta unha malla que vai sendo arrastrada por un barco e pode coller calquer peixe do fondo mariño, pero tamén arrasa o fondo, pero como esa malla non se deixa á deriva senón que a leva un barco é unha arte de arrastre non se prohibirá.

Nós fomos a entrevistar a un home, chamado Guillermo Iglesias Cardavila,  que leva moitos anos traballando esta arte e sabe mellor que ningén que esta arte non fai ningún dano medioambiental.

P- Qué pesca a arte do xeito?

R-  A arte do xeito pesca sardiña e xouba.

P- Como se traballa, e dicir, como arriades e levantades os aparellos?

R-  Ao xeito vaise a tardiña ou madrugada, se ves o fondo, arrias un trozo de malla e se hai algo arrias todo o aparello e senón recolles e segues buscando pola zona.

P-  Tedes algunha sonda ou maquina para saber onde hai peixes ou ides a tanteo?

R- Moitas veces a tanteo e outras con sonda, usamos as dúas.

P- Tendes algunha máquina que vos axude a levantar os aparellos?

R- Algúns teñen máquina outros a man, no meu barco tírase a man porque gústanos máis manter o artesanal desta arte e quitamos os peixes un a un.

P-  Vós ides en barco grande?

R-  Nós si, pero hai quen vai en planeadora, o noso barco é de 10 metros de eslora, pero tamén van dornas ou barcos pequenos.

P- De que están feitos os aparallos?

R- Están feitas de nailon.

P- Hai unha malla especial para cada tipo de peixe?

R- Esta permitido dende 15 mallas en 20 centimetros, despois hai dende 15 ata 10 e canto máis pequeno sexa o numero maior será a malla, estas son máis para a sardiña. Pero o uso das diferentes mallas tamén pode variar segundo as estacións do ano e a cantidade de especies que houbera.

P- É unha arte de deriva ou de calada?

R- É unha arte de deriva, por iso a Comunidade Europa quere prohibila, pero non sabe como se practica realmente, xa que dentro das rías, onde se usa, non fai case ningún dano.

Esta arte e unha das artes máis vellas que existe nas rías.

P- Pensas que a pesca do xeito esta ao mesmo nivel cas outras artes de deriva?

R-  Non claro, isto non o poden prohibir porque e unha das poucas artes que so mata as especies que quere capturar que son as sardiñas e xoubas.

P- Teñen moitos problemas cos arroaces que rompen as mallas?

R- Si, temos problemas cos arroaces xa que nos rompen pola metade as mallas e tamén comen os peixes que atrapou a rede.

P- A que altura se acostuma traballar?

R-  Depende, se é xouba pequena entre 6 e 7 metros, despois se é sardiña xa vai máis a altura, e dicir, entre 30 e 40 metros.

P- Os caladoiros onde pescades son fora da ría ou dentro?

R-  Bueno sempre estamos dentro da ría, só se sae un pouco cando se vai á sardiña, que se sae un pouco por fora de puntas.

P- Ten veda ou traballase todo o ano?

R-  Agora mesmo traballase todo o ano.

P- En todo o ano canto podedes chegar a gastar en reparacións das mallas?

R- Moito aínda que eu as mallas atoas eu mesmo pero se as tes que levar a un atador váleche moito máis. Pode chegar a valer un arreglo ata 300 euros

P- Tendes a unha xente estipulada para ir no barco?

R- Non, pero practicamente con tres persoas chega aínda que hai xente que vai soa.

P- É redible a arte?

R- Si, no verán é moi rendible porque gañas o teu xornaliño, pero tampouco te fas rico, pero este ano o sardiña subeu de precio e puidose gañar ben, mellor que outro anos.

P- Entón vostede pensa que a lei non debería prohibir esta arte?

R-  Que va! esta arte non fai ningún dano a nada, ningunha especie á que a malla non estea axeitada non entra.