Entrevista a Francisco Soñora

2 Novembro 2011
Soñora

Entrevista a Francisco Soñora, creador e director do proxecto CLIMÁNTICA.

1.- Se existe algún proxecto educativo que soe familiar no instituto Asorey este é, sen dubida, “Climántica”; pero que é Climántica?, que importancia ten Francisco Sóñora neste proxecto?

Climántica é un proxecto de Educación Ambiental que aborda os grandes retos ambientais actuais relacionándoos co cambio climático. Vai dirixido a todos os niveis educativos, para sacar dende as aulas cara a sociedade a sensibilización sobre o problema ambiental en xeral, e sobre o cambio climático.

En relación á segunda parte a pregunta, para min é difícil sacar conclusións obxectivas para respondela. O máis meritorio que eu vexo en Climántica é a excelencia e calidade dos estudantes que participan no proxecto; que está claramente relacionada con feito de que Climántica estea a espertar o interese do profesorado de Galicia máis comprometido coa calidade de ensino. Nese sentido, si me corresponde algún mérito; estes posiblemente estean relacionados co deseño e a dirección técnica do proxecto. Poida que existan relacións entre a miña implicación na elaboración de materiais didácticos e nas propostas de formación de profesorado do proxecto que fixen, co interese do profesorado no proxecto.

2.- Climántica nace coma un proxecto medioambiental que pouco a pouco foi abarcando máis ámbitos ata converterse en interdisciplinar. É iso unha consecuencia da súa boa aceptación?

Climántica é un proxecto interdisciplinar dende o seu deseño, por ser ese un dos seus principios básicos. Dende a miña experiencia na avaliación do desenvolvemento do proxecto, estou observando que a medida que se desenvolve o proxecto, é máis visible ese potencial transversal, é por tanto se acentúa máis.

3.- Ademais comezou a nivel galego, pero xa non so está estendido a toda a península senón que ten repercusión e  participación internacional e, incluso, a ONU interesouse polo proxecto. Cóntanos como foron sucedéndose  estes acontecemento?

Pois como Climántica xa cumpriu un lustro, e en marzo de 2012 acadará o 5º ano de aplicación nas aulas, esta xa empeza a ser unha historia longa.

O primeiro indicador do interese por Climántica no exterior, veu da recomendación como modelo de réplica para outras comunidades autónomas por parte da Oficina Española para o Cambio Climático dende o momento que o proxecto se presentou á Comunidade educativa no primeiro trimestre de 2007.

O seguinte organismo que se interesou polo proxecto foi The Climate Project Spain, organización do ex - vicepresidente de EEUU, Al Gore, en España. O seu responsable visitaría a Consellería en abril de 2007. Ese interese levou ao proxecto a ser un dos 100 expertos en comunicación sobre o cambio climático de todo o mundo que Al Gore reuniu en Amsterdam en outubro de 2008.

O interese da ONU púxose de manifesto por primeira vez en abril de 2008, cando chegou un correo da Oficina das Nacións Unidas en Xenebra con un formulario de informe, solicitando que se cubrirá e enviara para ser avaliado de cara á valoración da recomendación do proxecto como modelo de boas prácticas docentes para os plans de adaptación ao cambio climático. En xuño dese mesmo ano presentaríao a Conselleira de Educación na sede da ONU en Nova York. En marzo de 2009, o Enviado Especial das Nacións Unidas para o Cambio Climático recibiu en Madrid ao proxecto, no marco das reunións que mantivo en España para a preparación do cumio de Copenhague. Posteriormente, en maio de 2009 presentaríase Climántica no Seminario europeo das Nacións Unidas de Estocolmo sobre educación, comunicación e sensibilización sobre o cambio climático. Como resultado desta avaliación de Climántica por parte da ONU, en abril de 2010 entrou na Consellería de Medio Ambiente un documento asinado por D. Ricardo Lagos, Enviado Especial das Nacións Unidas para o Cambio Climático, recomendando a Climántica como proxecto docente. Pero aínda que o interese da ONU foi o que tivo máis repercusión, non hai mellor indicador para visualizar o interese internacional do proxecto que as visitas de www.climantica.org cuantificadas dende as estatísticas de Google, que informan de que esta web foi vista por máis de 280.000 persoas diferentes de 127 países, e que estas accederon a máis de 2.4000.000 páxinas.
4.- Tamén foi ampliando o rango de idades e involucrando incluso aos avós. Como foi a acollida entre eles, a implicación e a súa contribución ao proxecto?
Un dos principios do proxecto é sacar a Educación Ambiental que facemos no sistema educativo cara a sociedade. Unha das fórmulas que se propoñían no documento que recollía o deseño de proxecto eran as Escolas Climánticas de Avós e Netos. Buscábase que nos concellos se organizaran os sábados escolas nas que as persoas da xeración dos avós dos actuais escolares lle pasaran a estes o legado da súa memoria sobre os cambios no clima,nos nosos hábitos de consumo e mobilidade e no medio ambiente. A súa vez pretendíase que os netos foran capaces de aumentar as competencias dixitais e multimedia da xeración dos avós.

Esta iniciativa chegou a desenvolverse organizando no curso 2007-2008 unha materia optativa de especialización para estudantes maiores de 50 anos na Universidade de Santiago, o que levaría a que esta xeración de avós chegaran a facer experiencias piloto con estudantes de 1º de ESO. As conclusións inspirarían o modelo “Aprendemos coas Escolas Climánticas” e o “vídeoxogo CLMNTK”, como propostas para que os estudantes de10 a 14 anos se achegaran ao reto do cambio climático dende a interacción cos maiores.

Climántica é un proxecto que, dende a súa vocación transversal, quere atravesar as paredes dos centros para chegar aos cidadáns de todas as idades. Para conseguilo forma aos estudantes para que sexan formadores dos cidadáns sobre cambio climático mediante experiencias prácticas que desenvolven na rúa. Tamén estimula a produción de produtos de sensibilización ambiental que se presentan en congresos de estudantes. Os estudantes máis destacados nesa elaboración de materiais son premiados con campus formativos nos que se potencia o talento de comunicación polo que foron premiados, a súa creatividade e a súa capacidade de traballo en equipo. Todo ese contido de sensibilización, xunto cos produtos elaborados polos educadores, son incorporados ao sitio web do proxecto, que pasa a ser o espazo virtual a través do cal Climántica se proxecto máis e mellor a todos os rangos de idades.

5.- A parte dos obradoiros, congresos, unidades didácticas... actualmente estades comezando cunha nova actividade relacionada coa reforestación. Como ides seleccionando as novas ideas e os novos retos?
Esta iniciativa deuse a coñecer nas xornadas de formación do profesorado da segunda etapa “Se queimamos, quentamos”. Trátase de que nos centros educativos se formen seminarios de estudantes titorizados por docentes para calcular a pegada de carbono procedente da calefacción e do consumo eléctrico a partires dos recibos. Con esta iniciativa habería que reforestar unha superficie forestal queimada capaz de ser sumidoiro nos vindeiros 50 anos da pegada de carbono do curso académico do que se calculou a pegada de carbono. É unha iniciativa que quedou na maioría dos casos a nivel do cálculo da pegada de carbono. No momento en que o proxecto poida apoiar aos centros a nivel económico e de xestión nos procesos de reforestación, pensamos que pode resultar unha iniciativa moi satisfactoria e eficiente para a Educación Ambiental.

6.- Fálanos do equipo humano implicado no proxecto.

Cando teño que falar do equipo humano de Climántica penso nos estudantes motivados e comprometidos co Medio ambiente que vin nestes catro cursos e medio de aplicación do proxecto. Detrás deles sempre está ese equipo humano formado por uns profesores de calidade capaces de implicarse neste proxecto dende seguridade de que a súa implicación en Climántica é un camiño doado para acadar  motivación e o compromiso dos estudantes co Medio ambiente. Ese profesorado que está no cerne do equipo humano de Climántica, actúa sempre coa seguridade de que o proxecto ao que contribúen a desenvolver coa súa implicación, sempre voluntaria e entusiasta, é un camiño cara a calidade de educación para unha sociedade mellor.

7.- Consideras que Climántica está servindo para concienciar do cambio climático e da necesidade de actuar dende tódolos estamentos sociais? Fainos unha valoración global do desenvolvemento do proxecto e cales son as expectativas de futuro.

A min gústame facer un símil entre as propostas educativas que se formulan en Climántica co que significou o iogur. Este produto levaba presente dende a Grecia clásica, pero non se popularizou a nivel global ata que se empezou a usar con fins terapéuticos. Unha vez expandido con ese fin, descubriuse que co iogur a xuventude medraba máis. Hoxe en día o iogur é un produto de indiscutible valor e presenza obrigada na dieta, e en especial na dos máis novos.

Pois dende ese símil fago a valoración xeral do proxecto, como a oportunidade que supón para poñer na educación a nivel xeral a terapia que a situación do medio ambiente precisa, recollendo unhas receitas pedagóxicas clásicas elaboradas polos grandes pedagogos do século XX.

E ese mesmo símil tamén me vale para comunicar as miñas expectativas de futuro, que non son outras que na árbore educativa do século XXI, a rama da Educación ambiental enraizada no cambio climático, pasará a ser unha rama fundamental que calquera poda a terá que respectar, e o que a corte, arruinará o potencial de desenvolvemento da árbore educativa enraizada na sociedade do cambio climático.

Dende esta función de terapia de choque para dar resposta as alarmas ambientais que se nos dispararon dende finais do século pasado, as propostas que se fan en Climántica deben valer para construír unha educación transversal de calidade deseñada para conseguir un novo modelo de individuo que medre máis, e que sexa máis forte a nivel intelectual, coa enerxía necesaria para participar na construción dunha nova sociedade de baixa pegada de carbono e de alto grao de solidariedade e de cohesión social.

8. Remata dando un consello aos alumnos e alumnas do IES Francisco Asorey.

Pois que pensen en medrar fortes a nivel físico, intelectual, ético e moral, e que non dubiden en ser sabios, positivos e solidarios. Sei que estes consellos non nos precisan os alumnos do Asorey que tratei, porque xa os tiñan moi asumidos como persoas e como estudantes. Pero a eses estudantes do Asorey que tiven a sorte de tratar, gustaríame trasladarlles tamén que a min paréceme que se van a ter que desenvolver nunha sociedade complexa e global, chea de retos e cambios vertixinosos. Por iso tamén lles recomendo que aprendan ben o inglés e que estean atentos para aproveitar as oportunidades que lle ofrecen os profesores de calidade do centro que tamén tiven a sorte de coñecer e tratar. Polo que puiden comprobar, teñen no Instituto un profesorado de calidade que lles van a axudar a construír mentes críticas, analíticas, sintéticas e reflexibles. A formación deses profesores seguro que lles deixan como herdanza vital unha capacidade intelectual de adaptación ao medio que lles será moi proveitosa para esa experiencia vital cambiante de mobilidade xeográfica e profesional. Por iso conclúo recomendándolles que estean moi atentos para aproveitar todo o potencial educativo do IES Francisco Asorey, porque ademais vaillo a entregar na mellor idade para cimentar un sólido proxecto vital.

Climántica-s