Enerxía limpa a partir de augas suxas

14 Abril 2015
augas residuais

Nos nosos días, existen numerosos tratamentos que permiten a purificación de augas residuais para extraer as substancias contaminantes que se atopan nelas e obter así efluentes que poidan ser vertidos en mares ou ríos sen causar problemas medioambientais.

O certo, é que estas augas residuais conteñen unha gran cantidade de enerxía química almacenada na materia orgánica contaminante, polo que os investigadores non só buscan procesos para eliminar os contaminantes das augas residuais de xeito máis eficiente, senón tamén métodos para recuperar e aproveitar esta enerxía química.

Un destes tratamentos consiste recuperar dita enerxía en forma de hidróxeno. A chave deste proceso está nas denominadas celas microbianas de electrólise, dispositivos nos cales a enerxía química dun composto é convertida en enerxía eléctrica mediante a acción bacteriana. Neste caso, as bacterias utilizadas son as denominadas bacterias exoelectróxenas, que necesitan unicamente a achega dun pouco de enerxía en forma de voltaxe para ser quen de oxidar a materia orgánica e de xerar corrente  eléctrica,  conseguindo así a produción neta de enerxía en forma de hidróxeno.

Agora, investigadores do grupo de investigación en Bioelectroquímica do Departamento de Enxeñería Química da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) conseguiron mellorar a eficiencia enerxética das celas microbacterianas.

Os científicos, dirixidos polos profesores Albert Guisasola e Juan Antonio Baeza, utilizaron augas residuais reais en lugar das augas sintéticas moi biodegradables empregadas na maior parte dos experimentos e seleccionaron un conxunto de bacterias capaz de transformar os substratos complexos dos residuos, metanol, residuos lácteos, amidón e glicerol, en compostos máis simples que puideron ser degradados polos microorganismos exoelectrógenos da cela.

Así, os investigadores lograron a produción biolóxica de hidróxeno e a recuperación, durante o proceso de tratamento, de boa parte da enerxía contida nos residuos.

augas residuais 1

Realmente, segundo os investigadores, os resultados foron moi positivos xa que se conseguiron intensidades de corrente e velocidades de produción de hidróxeno moi elevadas a partir da depuración destas augas residuais, sendo a cela alimentada con residuos lácteos a que deparou os mellores resultados,  tanto en termos de intensidade de corrente (150 amperios por metro cúbico de cela), como na produción de hidróxeno (0.94 metros cúbicos de hidróxeno por metro cúbico de reactor e día) e na recuperación de electróns no cátodo (91%),  todo con un voltaxe aplicado de tan só 0.8 V. 

Segundo os autores, os resultados do estudo (publicados na revista Water Research)  son moi prometedores e dan un empuxe ao desenvolvemento industrial deste tipo de tecnoloxías e á posibilidade de crear sistemas de tratamento de augas residuais que produzan enerxía en forma de hidróxeno.