Encefalopatía de Wernicke, exclusiva dos alcohólicos?
Todo o mundo sabe que o consumo de alcohol afecta, en primeiro lugar, ás emocións, ós procesos de pensamento e ó xuízo, e que, a continuación, comeza a alterarse o control motor, producindo dificultades para falar, reaccións máis lentas e perda do equilibrio.
Pero, ademais, un maior consumo pode chegar a alterar a acción dos neurotransmisores e modificar a súa estrutura e función, o que da lugar a unha diminución da alerta, lentitude nos reflexos, cambios na visión, perda de coordinación muscular, tremores e alucinacións. Diminúe o autocontrol e afecta á memoria e á capacidade de concentración, podendo chegar incluso ó estado de coma causando danos cerebrais irreversibles.
Unha inxestión continuada de alcohol pode producir alteracións nas neuronas da zona prefrontal do cerebro, encargada de controlar as funcións executivas como a planificación e o deseño de estratexias, a memoria, a atención selectiva ou o control da conduta.
Un dos trastornos considerado propio e exclusivo dos alcohólicos é a enfermidade de Wernicke-Korsakoff, pero, a diferenza do que se pensa, esta pódese observar tamén como consecuencia de varias enfermidades, como a hiperemesis gravídica (náuseas e vómitos presentes en mulleres embarazadas, que producen deshidratación, perda de peso...), cancro, desnutrición, anorexia, SIDA...
Esta doenza, producida pola diminución de vitamina B1, tamén coñecida como tiamina, que actúa como coenzima no metabolismo dos hidratos de carbono, permitindo metabolizar o ácido pirúvico ou o ácido alfa-cetoglutárico e participa na síntese de substancias que regulan o sistema nervoso, ten unha gran cantidade de síntomas, entre os que destacan a perda de visión e de audición, irritabilidade, mareos, amnesia, psicose (os afectados confunden a realidade coas súas invencións), [depresión, hipotermia...
A pesar da súa importante prevalenza, a enfermidade de Wernicke-Korsako segue estando subdiagnosticada, xa que aínda non existen recursos seguros para un diagnóstico concluínte.
Sen embargo, a gran maioría dos síntomas melloran con sorprendente rapidez, especialmente se son tratados o suficientemente cedo, a excepción da perda de memoria, que pode chegar a ser permanente, polo que en pacientes sospeitosos de sufrila, o tratamento debe comezar de inmediato.