É posible manter fresco un edificio sen aire acondicionado?
Un equipo de investigadores da Universidade de Stanford (EEUU) presentou a finais de novembro unha nova tecnoloxía que, como eles din, vai aforrar electricidade sen ter que pasar calor, xa que pode reducir o uso de aire acondicionado ou incluso prescindir del. Este é un dispositivo recuberto dun material novo que reflicte e desvía a luz solar que incide sobre unha superficie, evitando que se quente. Este tamén é capaz de transferir a calor acumulada no edificio ao exterior.
Trátase dun novo material composto por múltiples capas que, segundo aseguran, é capaz de reflectir o 97% dos raios do Sol que doutro xeito, quentarían o edificio. Este material realiza unha dobre función. Por unha banda, reflicte a luz do Sol que chega á superficie na que foi colocado, evitando que a quente. Por outro, traslada ao exterior directamente a calor que hai no interior do edificio como radiación infravermella.
O novo material está composto por varias capas e ten un grosor de só 1,8 micras. Polo que respecta á súa composición, fabricouse con sete capas de dióxido de silicio e óxido de hafnio colocadas encima dunha delgada capa de prata. A súa estrutura interna, está modificada para que os raios infravermellos sexan trasladados a unha frecuencia que permita que saian ao espazo sen que quenten o aire que rodea. É dicir, a estrutura do material permítelles aos raios infravermellos saír directamente cara ao espazo sen requentar o espazo ao redor do edificio.
Cando cubriron o teito dun edificio con este prototipo, logrouse reducir a temperatura no interior do establecemento en 5ºC. A pesar de que os seus creadores aseguren que coa investigación e o desenvolvemento esta tecnoloxía podería estar dispoñible en tres ou cinco anos, actualmente deben resolver algúns problemas técnicos, como o reto de producir paneis arrefriadores máis grandes. Por outro lado, afirman que este traballo podería ser tamén un primeiro paso para un obxectivo moito máis ambicioso, pois consideran que, seguindo o mesmo principio, o frío do espazo exterior podería chegar a ser utilizado no futuro para disipar a calor.