É posible a eterna xuventude?

14 Abril 2015
froitas

Segundo unha gran cantidade de estudos científicos, os antioxidantes poden retardar ou posiblemente previr o desenvolvemento dalgunhas enfermidades, como o cancro ou as enfermidades cardiovasculares, e outras dexenerativas, como o alzhéimer ou o propio envellecemento.               

O ácido ascórbico ou vitamina C é un bo exemplo de composto que cumpre importantes funcións como antioxidante no organismo, pero, a diferenza da maioría dos mamíferos, os seres humanos non teñen a capacidade de sintetizar esta vitamina, polo que deben obtela a través da dieta.

As froitas e verduras son, en xeral, unha boa fonte de vitamina C, sen embargo, a actividade antioxidante, que axuda a reducir os radicais libres no noso organismo, dos zumes de cítricos e outros alimentos está menosprezada. 

Para estudar estes compostos no laboratorio empréganse técnicas que simulan a dixestión dos alimentos no aparello dixestivo, de tal forma que só se analiza a capacidade antioxidante das substancias que son absorbidas no intestino delgado, é dicir, a fracción líquida do que comemos, pero o problema está en que non se mide a actividade antioxidante da fracción sólida, a febra, porque se pensa que non se aproveita. Sen embargo, esta parte insoluble chega ó intestino groso e a microflora intestinal tamén pode fermentala e extraer aínda máis substancias antioxidantes, polo que a nova técnica, denominada “resposta antioxidante global”, tamén simula in vitro a dixestión gastrointestinal, pero agora tendo en conta a capacidade antioxidante da fracción sólida.                                                                                                                    

Ó aplicar esta técnica a zumes comerciais e naturais de laranxas, mandarinas, limóns e pomelos, os seus valores aumentaban en cantidades moi significativas. Por exemplo, no caso do de laranxa, pasouse dos 2,3 milimoles Trolox/litro (unidades da capacidade antioxidante trolox) rexistrados coa técnica tradicional, ós 23 mmol Trolox/L indicados polo novo método. Polo que, tendo en conta isto, a actividade antioxidante é unhas dez veces maior do que se pensaba ata o momento, e non só en zumes, se non en calquera outro alimento que se analice con este novo método.