Descobren a clave da morte súbita
A morte súbita é unha forma de morte natural provocada pola perda brusca e inesperada da función cardíaca.
En situacións normais, o corazón actúa como unha bomba onde a orde de contraerse e bombear sangue esta provocada por pequenos cambios nas propiedades eléctricas das células miocárdicas. Ademais, a intensidade da contracción depende da cantidade de ións de calcio liberados por unhas pequenas subunidades que se atopan nas nosas células, de xeito que canto máis calcio se libere, máis forte será a contracción.
Unha parte importante dos casos de morte súbita están producidos por problemas na sincronización desta orde eléctrica, dando lugar a unha contracción desordeada do corazón coñecida como fibrilación ventricular.
A causa que provoca a fibrilación ventricular é unha arritmia coñecida como alternancia cardíaca, onde a contracción do corazón se produce de xeito coordinado en cada latido, pero a súa intensidade varía dando lugar a unha contracción forte e débil en latidos alternativos. Nestes casos, o corazón non é quen de bombear o sangue, polo que a morte ocorre en poucos minutos, a menos que se administre un choque desfibrilador.
Nos últimos días, Investigadores do Departamento de Física Aplicada da Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), xunto cun equipo da California State University demostraron, nun estudo publicado na revista científica Physical Review Letters, que a transición na alternancia cardíaca, a arritmia que provoca a morte súbita, comparte características co ordenamento ferromagnético dos metais.
Un material ferromagnético está formado por pequenos imáns. Se cada un destes imáns apunta nunha dirección diferente, é dicir, se o sistema está desordenado, o seu efecto magnético anúlase. Pola contra, por debaixo dunha certa temperatura, o sistema ordénase, polo que todos os pequenos imáns comezan a enfocarse cara a mesma dirección, comportándose o conxunto como un gran imán.
No caso do corazón, cada subunidade dentro da célula encargada de liberar calcio pode decidir facelo o non. Cando isto sucede dunha maneira desordenada, hai tantas células que liberan como que non, polo que o calcio total liberado é sempre o mesmo. En cambio, nalgunhas situacións dáse unha transición cara un estado ordenado, como ocorre nos materiais ferromagnéticos. Neste estado, todas as células deciden liberar ou non calcio ao mesmo tempo, dando lugar a unha secuencia de contraccións fortes e débiles, que provocan a fibrilación ventricular e, como consecuencia, a morte súbita.
Os resultados obtidos grazas a esta investigación axudarán a entender mellor como se orixina a morte súbita e a deseñar novos fármacos para evitala, pois o certo é que representa aproximadamente o 10% dos casos de morte natural.