Curiosity polo Planeta Vermello

28 Xaneiro 2015
Marte

Un vehículo robótico da NASA, chamado Curiosity, que leva dende 2012 en Marte, está axudando ós científicos na busca do pasado xeolóxico deste planeta.

O novidoso deste asunto, é un novo estudo con respecto ás emisións de metano do Planeta Vermello e os niveis deste gas na atmosfera, que se amosan diferentes segundo a zona onde se realicen as medicións, o que foi unha gran sorpresa para os investigadores, que crían que a atmosfera marciana contiña grandes cantidades deste gas. Así, un novo traballo baseado en medicións, que durou 20 meses, realizado no cráter Gale, amosa niveis de metano máis baixos do esperado. Ademais, este estudo achegou un novo dato: debido ás frecuentes anomalías nos rexistros, sospéitase que unha fonte situada preto do cráter, polo de agora descoñecida, emite metano de forma periódica, xa que este gas ten unha vida relativamente curta e cando se detecta ten que haber unha fonte.  Este achado supón un importante descubrimento, xa que suxire a existencia dunha certa actividade dinámica de emisión.

Respecto á fonte, existen varias teorías. Por unha banda, afírmase que podería deberse a organismos que produciron o metano, atrapado baixo a superficie, e que agora está a liberarse, xa que pensar que o metano pode estar sendo liberado por seres vivos actuais resulta complexo.

Tamén se observa a posibilidade de que o metano proceda de procesos xeolóxicos coma a oxidación do ferro, que atraparían este gas en distintos compostos (algo similar ó que ocorre co gas de lutita do fracking) e dos cales escaparía o metano ocasionalmente.

Algúns científicos especulan que quizais este achado poida demostrar a existencia de vida en Marte, xa que o modelo biolóxico lles parece máis adecuado para os datos recollidos.

De todos xeitos, esta posibilidade deuse á luz dunha maneira coidadosa para evitar falsas esperanzas.

Ademais, dáse á luz pública tamén outro estudo realizado cos resultados da análise química que Curiosity fixo dunhas mostras de rocha tomadas dunha formación marciana chamada Yellowknife Bay, e que teñen unha antigüidade duns 3.000 millóns de anos. En concreto, o analizado foi a razón deuterio-hidróxeno, valor que se usa para comparar a composición da auga de distintos corpos do sistema solar, e o resultado obtido indicou que nestas rochas a razón deuterio-hidróxeno era a metade que a da atmosfera de Marte, pero de todos xeitos máis alta do esperado.

Este traballo axudará a comprender mellor como foi a dinámica da auga en Marte e, especialmente, sobre a perda de auga ó espazo, algo fundamental para progresar no coñecemento da evolución da atmosfera do Planeta Vermello.

Marte-Curiosity