Crise no marisqueo galego
O inicio da campaña de libre marisqueo, que conta cuns setecentos barcos, a mesma que fai uns anos enchía de alegría a economía arousá, serviu o pasado 1 de outubro para certificar que a produtividade nesas augas está en crise, xa que non hai berberecho e nin apenas ameixa nos areais, e o que hai é pequeno.
A xornada comezou cun reparto dos barcos sobre a ría de Arousa. Sabendo que mos Lombos non había nada, boa parte das planeadoras que habitualmente se dirixían á desembocadura do Ulla, escolleron esta vez outros destinos. Pasadas unhas horas desde o comezo da xornada, mitos mariscadores cansáronse de botar o raño para nada, así que foron probar sorte a outros sitios, que por desgraza, foi un fracaso, xa que non se conseguiu chegar nin ás cantidades autorizadas da Xunta.
Esta situación non vai favorecer nada a esas persoas que viven de botar o raño ao mar, arañar os fondos e sacar deles ameixas e berberechos. En Cambados, responsables da agrupación de marisqueo a pe tiñan claro que os seus socios repartiranse entre A Pobra e O Bao. Na Illa, eses dous bancos parecen ser tamén os destinos maioritarios para a flota marisqueira, composta por unhas trescentas setenta embarcacións. Ata en Carril, o porto máis próximo á desembocadura do Ulla, contaron con que algúns rañeiros foran ata o Bao.A pesar de haber no Bao e na Pobra tanto marisco coma o ano pasado, a súa capacidade produtiva non é suficiente para garantir o traballo de toda a flota de rañeiros arousá durante os próximos seis meses.
Sexa por culpa das riadas, da martelia ou da contaminación, o bivalvo que antes abundaba, leva tres anos practicamente fora da circulación, o que trae consecuencias moi negativas, xa que para os mercados que antes se nutrían nas lonxas galegas, agora ábrense para a entrada de berberecho chegado doutros países de Europa, en especial Holanda. O problema é que unha vez desprazado e cambiado o mercado de berberecho galego por outro, despois se se chega a recuperar a cantidade que había antes de berberecho, vai ser imposible ter saída comercial.
No ano 2010, este marisco reportou ás lonxas de Arousa sur, case tres millóns de euros. Esta cantidade veuse moi reducida, xa que no que levamos de berberecho este ano apenas se reportou 900 mil euros, e non parece que o último trimestre do ano vaia mellorar as cousas.