Contaminación na Ría de Arousa, un problema sen resolver
Da ría de Arousa viven os sectores pesqueiro, marisqueiro e turístico, e sobre ela tamén penden, 63 vertidos que Augas de Galicia ten localizados nas beiras do mar. O bo, é que algúns deles pasarán á historia en canto entren en funcionamento as depuradoras do Grove e Ribeira, xunto co saneamento do Saco de Fefiñáns.
Un exemplo de contaminación, é o deterioro das augas da praia da Concha-Compostela que provocou que nos últimos veráns, estivese pechada ao baño e se quitara a bandeira azul de excelencia. O Esteiro, durante anos mereceu levar a letra “C”, a peor das posibles, pero grazas ás obras desenvoltas, recuperouse a súa vida. Tamén a enseada de Meloxo, tras unha temporada marcada coa letra C, volve ser zona apta para marisqueo.
O progreso tamén podemos notalo en que fai uns anos só un polígono de bateas de Arousa estaba asentado en augas excelentes, e na actualidade contamos con nove, pero aínda así quedan moitos puntos negros que intentar salvar. A ría en xeral é case toda zona B. Ademais hoxe en día a maior parte dos concellos da ría teñen sistema de depuración. Os sistemas de depuración que quedan por cubrir a ría son O Grove e Ribeira.
A obra do Saco de Fefiñáns ten que estar como moi tarde rematada no 2015. A rede antiga construíuse de maneira superficial, para levar as augas residuais ata o bombeo da Cabana. Do que se trata é de controlar ben a auga en tempo de choiva, recoller algunhas vivendas que aínda non están conectadas ao saneamento (construídas a unha cota inferior á vía que discorre no terraplén, polo que non teñen acometida domiciliaria e verten no río Corvillón ou directamente no Saco de Fefiñáns) e separar pluviais de fecais nalgúns puntos. Con iso quedará listo e espérase unha mellora inmediata da calidade microbiolóxica do auga.
A seguinte fase é volver cara atrás, cara as redes de saneamento, que nalgúns casos son moi antigas, e ver onde hai que actuar para eliminar os problemas que poida haber nelas.
En Vilagarcía, os vertidos son frecuentes no río do Con ou en zona de praia. É o núcleo da ría e no que a rede de saneamento ten máis antigüidade, e probablemente sexa no que hai que actuar para evitar problemas. As redes de saneamento antigas eran unitarias, construíanse seguindo as liñas das pendentes, e chega un momento no que o que fai falla son solucións estruturais. Colocar tanques de tormenta ao final de distintos colectores ao longo do río Con, axudará a regular o caudal. Tamén hai que facer unha pequena actuación na depuradora, e ao longo de toda a rede. Nalgunhas zonas, iso significará levantar tramos da rede de saneamento e volvelos facer.
Agora, a depuradora do Umia recolle unha zona que ía a Cambados e saturaba a depuradora de Tragove, conseguindo maior eficacia no proceso de depuración. En xeral, na ría non hai un problema ambiental, hai un problema relacionado cos usos da auga que facemos, que son moi esixentes, porque falamos da cría de molusco e o baño.