Conseguir plásticos a partir das augas residuais xa é posible

29 Abril 2014
augas residuais

Unha innovación pioneira e revolucionaria da man de Applied Cleantech, unha compañía de Israel, permitirá converter os desfeitos das augas residuais municipais en materias primas para a industria do plástico en todo o mundo.

Durante os últimos anos levouse a cabo o desenvolvemento desta tecnoloxía que permite que os sedimentos das augas residuais se utilicen como base para materias primas dentro da industria. A tecnoloxía aplícase mediante unhas instalacións compactas, automáticas e eficaces que reciclan os sólidos das augas residuais en bruto e convértenas en produtos de consumo de alta calidade e respectuosos co medio ambiente, mediante unha serie de procesos continuados.

Ademais de crear materias primas con este proceso, as novas centrais axudan a redución das tarefas das centrais rexionais purificadoras de augas residuais arredor dun 35%. Como resultado estas centrais reducen o seu consumo enerxético e os custos de mantemento no proceso de limpado de augas a favor da súa reutilización.

Por outra banda a reciclaxe de augas residuais proporciona tres beneficios destacados. En primeiro lugar a redución dos custos nun 30%, ademais de aumentar a capacidade. En segundo lugar, a fabricación e venta de artigos de consumo de alta calidade utilizando materias primas.  E por último, a redución de gases de efecto invernadoiro, previndo así os problemas medioambientais.

O problema no tratamento dos  residuos é un problema de actualidade, e tal como  explica o fundador da empresa Applied Cleantech, “a revolución está na relación destes sólidos, non nos residuos que deben agocharse, que se consumen por medio das bacterias ou que se enterran, senón en velos como un recurso e base para materias primas que se comercializan de novo na industria.”

Por primeira vez esta tecnoloxía é capaz de reciclar sólidos de augas residuais e convertelas en materias primas que se poden usar na fabricación de papel e plástico. Grazas a este sistema conseguirase que as instalación de purificación de augas se convertan nunha importante fonte de ingreso contribuíndo ó mantemento do medio ambiente. Na actualidade estase levando a cabo este sistema en cidades de Europa e EEUU.