Comelibros
O 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro, un día para recordarmos que os libros seguen a ser unha boa compaña, unha fonte de lecer e de recursos para moitas persoas. Desde a Buxaina queremos facer unha contribución a este día con este traballo.
Os libros contan historias, almacenan todo tipo de información, agochan segredos, resolven problemas, ofrecen a beleza da poesía ou das imaxes e xeran emocións.
Para os amantes da lectura os libros son como seres vivos, producen lecer, fan compaña e teñen unha vida perecedeira. Fanse vellos coa luz ou a humidade, sofren cambios físicos e químicos, son atacados por todo tipo de organismos e maltratados por unhas persoas e mimados por outras.
O papel, do que están feitos os libros, é o obxecto de desexo de moitos depredadores. O invento do papel atribúese a Tsai-Lun no 105 a. De C. Antigamente fabricábase de forma manual con trapos de liño e algodón e, a partir do século XVII comezou a facerse con material de peor calidade. Usábase directamente madeira e, para endurecer a xelatina que se empregaba no proceso de encolado da pasta, engadíaselle alume (sulfato alumínico potásico), un sal ácido que, ao entrar en contacto coa humidade, descomponse formando ácido sulfúrico producindo graves alteracións do papel. Máis adiante fóronse mellorando os procesos de fabricación e na actualidade fabrícanse moitos tipos e calidades de papel.
Para protexer os libros do seu deterioro deben conservarse en abientes con pouca luz, frescos e secos. Os principais organismos que atacan aos libros viven en temperaturas entre 20 e 30 ºC e cunha humidade do 60 ao 80%.