Cogomelos de praia
Os cogomelos adoitan aparecer en Galicia no outono e parte do inverno. En realidade podemos ollalos, nos periodos húmidos e cando as temperaturas non son moi baixas.
Moitos ecosistemas galegos presentan solos que gardan ben a humidade e que son moi axeitados para o crecemento dos fungos e para a formación das súas "fructificacións", os cogomelos. Poderíase pensar que nas zonas areosas, nas que a auga filtra con facilidade, non se dan as condicións para a aparición de cogomelos, pero este non é o caso das dunas das prais galegas.
O exceso de humidade do clima galego, en outono e inverno, é o causante da gran biodiversidade dos nosos ecosistemas areosos costeiros.
Como exemplo, o da fotografía tomada na Praia de Carreiro, no Grove; trátase de exemplares da especie Panaeolus cinctulus, un cogomelo non comestible e con máis que probables efectos alucinóxenos tras a súa inxesta. Supónselle nos seus tecidos un principio activo chamado psilocybina.