Ciencia aplicada á literatura
O recente descubrimento da tumba de Cervantes fixo a moitas persoas pensar sobre o incrible da ciencia e, en especial da antropoloxía forense, que en ocasións asemellase máis á maxia que á realidade, podendo explicar como, cando e porqué morreu unha persoa que leva décadas ou mesmo séculos soterrada, simplemente analizando os seus osos.En criminoloxía o antropólogo forense ten a función de identificar un cadáver que está nun avanzado estado de putrefacción, un esqueleto ou un corpo sen pegadas ou mesmo sen a cabeza, extremidades,etc.moi necesarios para a identificación do individuo. Nestes casos, se o corpo aínda presenta partes brandas, o primeiro paso consiste en esqueletizalo no laboratorio para poder obter un mellor estudo do mesmo. O cranio é unha parte esencial para deducir como era o rostro da persoa, tanto mediante equipos electrónicos que permiten obter a silueta de fronte e de perfil ou mediante a reconstrución das partes brandas con plastilina ou arxila. No caso de que o cranio presente trazos moi característicos, coa axuda dun debuxante, pódese retratar o posible rostro da vítima mediante observacións anatómicas moi precisas. Outras técnicas moi empregadas nestes casos son a radiografía, como a bucal, e as técnicas microscópicas.Tamén a cor dos osos indica en ocasións se o cadáver estivo soterrado ou non, o que pode chegar a ser un dato esclarecedor. Ademais dos osos, para o antropólogo tamén teñen un gran valor os animais que se atopan no cadáver, que permiten chegar a descubrir a data do falecemento, incluíndo a época do ano na que tivo lugar, os lugares onde estivo a vítima e incluso os seus hábitos. Por outra parte, como o criminal sempre deixa algunha marca que o incrimine na propia vítima ou nas proximidades do lugar onde a deixou, sería moi favorable para o antropólogo forense poder inspeccionar o lugar do achado, o que non sempre é posible porque na maioría dos casos os restos atópanse moi lonxe do lugar onde se cometeu o crime.
Como di o doutor José Manuel Reverte Coma no seu libro “O antropólogo forense non só é un perito especializado nunha rama do coñecemento médico-legal, se non algo así como unha especie de SherlokHolmes”.
Pero estas técnicas non só son empregadas no campo da criminoloxía, se non que tamén son moi frecuentes en grandes catástrofes aéreas, ferroviarias, incendios, terremotos ou, como podemos observar no caso da tumba de Miguel de Cervantes, en exhumacións de personaxes famosos da Historia, demostrando unha vez máis que a ciencia e a cultura non están tan afastadas como pensamos e que precisan unha da outra en moitas ocasións.Se os restos están momificados, o que non é moi frecuente no campo da criminoloxía pero si no cultural, pódense obter as pegadas dactilares mediante a revitalización dos tecidos, por medio dunha impresión directa ou unha fotografía cunha iluminación especial.