Chupasangues

24 Abril 2014
hematófago

Os animais hematófagos son os que se alimentan do sangue doutros animais.

Para acceder ao alimento teñen aparellos bucais especialmente adaptados para perforar, morder ou raspar a pel das presas e sistemas para extraer o sangue: linguas para lamber, trompas ou tubos para succionar... Para facilitar a saída do sangue inxectan unha saliva con substancias anticoagulantes ou anestésicas, que son as responsables de producir o desagradable picor e ás veces reaccións alérxicas moi molestas. Detectan ás súas posibles víctimas polo olor, a temperatura ou a cor.

Unha gran parte das especie hematófagas son insectos (piollos, chinches, moscas, mosquitos) ou arácnidos (carrachos). Tamén hai vermes (samesuga), peixes (lamprea) e mamíferos (vampiros).

Algúns desde animais poden transmitir coa súa picadura graves enfermidades como a malaria (mosquito Anopheles), leishmaniase (mosquito Phlebotomidae), a enfermidade do sono (mosca tse-tse), a enfermidades de Chagas (chinches Reduviidae), a enfermidade de Lyme (carrachos)...