Casa Bioclimática en Sotavento

7 Outubro 2013
Sotavento-casa

Nunha visita que fixemos ao parque eólico de Sotavento a guía ensinounos unha casa bioclimática que teñen como modelo experimental e para amosar.

Na entrada principal atopábase unha galería cunha parede de lousas e un estanque para regular a entrada da luz e a calor en función da época do ano. No verán, ao ir o sol alto, as lousas impiden a entrada e no inverno, ao ir o sol baixo, deixan pasar os raios que quecen a auga e a casa.

No interior vimos como funcionan as ventás e as persianas que se gradúan cun mando a distancia ou poden ser programadas automaticamente.

As paredes están recheas de lá de pedra, unha febra que aílla a casa do frío e da calor e tamén dos ruídos do exterior. Tamén nos ensinou un muro “trombe” polo que circula o aire e que ten dúas aberturas, unha na parte inferior e outra no superior, que se poden pechar ou abrir para regular a temperatura.

No baño hai un tubo de metal que conduce a luz do exterior ao interior e  non consume ningunha enerxía.

Tamén vimos como funciona un aireador para aforrar auga das billas e que a auga dos lavabos se reutilizaba para os baños.

Explicounos varios sistemas de calefacción: con paneis solares e con biomasa. Os radiadores estaban instalados debaixo do chan. No exterior hai un pequeño aeroxerador que produce enerxía eléctrica.

Na cociña vimos electrodomésticos eficientes e explicounos a diferencia entre empregar lámpadas incandescentes e os distintos tipos de lámpadas de baixo consumo. Tamén nos dixo que con ese tipo de lámpadas hai que ter coidado porque levan vapores de mercurio no interior. Se rompen o gas é tóxico e hai que ventilar a casa e collelas con moito coidado cun pano húmido e depositar os resíduos nun punto limpo.

Rematamos a visita na sala principal, situada no centro da casa e desde o que se podía transformar todo o espazo abrindo ou pechando portas corredeiras ou controlando as ventás do teito para que entrase luz e calor.