Cantos anos pode chegar a vivir un ser humano?
A francesa Jeanne Calment, unha celebridade que naceu no 1875 en Arlés (na Provenza Francesa), e que faleceu no 1997, con 122 anos, foi a persoa máis lonxeva do mundo cuxa idade puido ser documentada.
E é que un dos principais problemas á hora de estudar aos supercentenarios é a dificultade de confirmar a súa idade pola escaseza ou pouca fiabilidade dos rexistros. O caso de Jeanne Calment, á que ninguén superou en idade, e o de outros supercentenarios son seguidos con interese polos demógrafos que investigan as claves da súa lonxevidade e cal é o límite para a vida.
Dende 1990, preto de 20 persoas en todo o mundo chegaron aos 115 anos. Segundo un estudo liderado por Bernard Jeune, no que tamén participou James Vaupel, as traxectorias vitais dos cidadáns estudados non teñen apenas puntos en común, máis alá de que “nunca foron obesos e de que, ou ben non fumaban, ou fumaban pouco”.
A propia Calment, que atribuía a súa lonxevidade ao seu sentido do humor, permitíase un cigarro ao día, xunto cunha copa de oporto. Como boa francesa, gozaba do viño e tomaba a diario algún dóce. A igual que o seu marido, morto aos 74 anos no 1942, camiñaba moito. Viviu soa ata os 110 anos, cando foi trasladada a unha residencia despois de que provocara un incendio na súa casa debido a unha imprudencia cunha candea.
Segundo Vaupel, “a gran maioría dos supercentenarios son mulleres, porque coidan mellor a súa saúde e fan menos cousas estúpidas ca os homes”.
O número de centenarios en países como España ou Alemaña dóbrase cada oito anos.
Segundo Antonio Abellán, investigador do CSIC, a cuestión importante é cómo viviremos os anos gañados á morte, se pospoñemos as limitacións funcionais e a discapacidade. Pola súa parte, James Vaupel, asegura que na maior parte dos países, as persoas maiores, sobre todo os octoxenarios, afirman ser máis felices que cando eran mozos.