Canal de Panamá ou Canal de Nicaragua?

Unha empresa chinesa construirá un novo canal entre o Pacífico e o Atlántico con un gran impacto ambiental
4 Marzo 2014
Alternativas Canal Nicaragua

O Goberno de Nicaragua deulle permiso a unha empresa de Hong Kong para construír un canal que atravese este país de América Central, ao longo de 286 km, unindo o Océano Pacífico co Atlántico.

Este permiso inclúe o dereito a construír centros industriais, aeroportos, un sistema ferroviario, outro de oleodutos, e incluso os dereitos de expropiación de terras e recursos naturais que se atopen no traxecto. As obras comezarán a finais deste ano.

O canal vai atravesar o Gran Lago de Nicaragua (Cocibolca), que é a maior reserva de auga potable de América Central e é tamén entorno de gran biodiversidade, con bosques e humidais de gran valor ecolóxico. Na zona tamén viven diversas comunidades indíxenas que se poden ver ameazadas.

Lago Cocibolca

O proxecto pode causar danos irreparables nos ecosistemas, ter un efecto devastador nos ríos e lagos, e danar o entorno polas obras, así coma a contaminación que poidan producir os buques petroleiros.Tamén se conducirá á extinción de moitas especies de peixes de importancia económica para o turismo, e sobre todo, gran importancia para a supervivencia de comunidades costeiras pobres. Tamén se pode favorecer a introdución de especies invasoras e teríase un impacto negativo nos patróns de migración e a dinámica biolóxica da fauna terrestre.

Con este proxecto conduciríase ao maior desastre ambiental da rexión, e non se explica como é que as grandes organizacións conservacionistas non se deron de conta. Hai unha necesidade de realizar unha avaliación de impacto ambiental, e propúxose ao goberno que se detiveran os plans de construción ata que os estudos confirmen a viabilidade e rentabilidade do proxecto.

Malia esta proposta, o Goberno di que este proxecto sacará a Nicaragua da pobreza, a pesar de que non exista unha viabilidade financeira.