Camiñando polo monte Pindo
Os incendios deste verán puxeron en primeira páxina da actualidade ao Monte Pindo, un dos espacios naturais máis emblemáticos de Galicia, polos seus valores paisaxísticos, xeolóxicos e biolóxicos.
O Pindo e o seu contorno é unha visita case obrigada para calquera amante da natureza: o propio monte, as grandes panorámicas que se poden contemplar durante a camiñada e desde o cume, que abranguen desde a enseada de Carnota, coa praia máis longa de Galicia, ata o cabo de Fisterra, impresionantes e suxestivas formacións rochosas; e a fervenza do Ézaro, son motivos máis que suficientes para levarnos a pasar un día alí.
O macizo tectónico do Monte Pindo é de granito vermello e ten o seu punto máis alto no Pico da Moa (627 m). A erosión deu lugar a bolos, penedos, paredes lisas e pías cilíndricas moi espectaculares. Forma parte, xunto coas praias de Carnota e Caldebarcos, os montes de Buxantes e as Illas Lobeiras do LIC “Monte Pindo”, un espazo protexido en terreos dos concellos de Carnota, Mazaricos, Cee e Dumbría.
Propoñemos unha camiñada duns 7 km, de dificultade media, que pode durar unhas 4 horas. Convén escoller un día claro para gozar das vistas e non perderse no camiño. A ruta pódese facer desde a Igrexa do Pindo ata O Fieiro, ou á inversa (se se conta con dous coches ou completando a camiñada pola estrada co que se duplica a lonxitude), ou subir só ata a Moa desde O Pindo ou desde O Fieiro.
O tramo máis interesante é o que sobe desde o Pindo ata a Moa e tamén o de máis pendente. Nel podemos gozar de impresionantes paisaxes da serra, da enseada de Carnota, a ría de Corcubión e Fisterra. A cada volta do camiño iremos descubrindo suxerentes formacións rochosas. A ruta desde o Fieiro é máis doada, pero menos espectacular.