Camiñando pola beira do Umia
O río Umia e os seus afluentes teñen numerosas paraxes polas que facer unha camiñada, visitar fervenzas e muíños e entrar en contacto coa natureza. Nesta ocasión imos falar dunha ruta moi achegada e doada de facer.
Pódese iniciar desde distintos lugares: Pontearnelas, Cabanelas ou a ponte entre Cobas de Lobos (Cambados) e Barrantes (Ribadumia); completa (uns 8 km ida e volta) ou por tramos. Tamén se pode completar cos Muíños do Batán (Ribadumia) ou seguindo o Rego da Armenteira (Ribadumia e Meis).
O percorrido é doado e discorre entre árbores e outras plantas de ribeira na marxe do río e cultivos. No camiño podemos atopar algunha garza, corvos mariños, picapeixes e os insectos típicos da beira da auga, sobre todo libeliñas. Segundo a época do ano e a hora podemos gozar de distintas luces e cores. En Cabanelas hai un muíño, agora moi transformado, e en Pontearnelas unha antiga ponte moi alterada pola construción da estrada.