Cambio climático. Que podo facer eu?

3 Xaneiro 2011
Lola

Cando escoitamos falar de cambio climático, de súpeto, a nosa mente alértanos de que estamos ante un concepto coñecido, ante un termo que rapidamente asociamos ao principal problema medioambiental que está a padecer o planeta Terra.

Sabemos que o cambio climático é un problema ecolóxico que nos afecta a todos e todas,  pero no subconsciente hai algo que nos leva a pensar que a súa solución está fora da nosa capacidade de actuación, de que somos meros espectadores, de que soamente somos víctimas da mala xestión do planeta feita por determinados poderosos personaxes.

Pero a realidade é outra, porque o cambio climático é consecuencia dun errado modelo de xestión do planeta; dun modelo no que participamos, para ben e para mal, todos e todas. Como cidadáns temos parte de culpabilidade pero, o que resulta verdadeiramente importante, é que na nosa man está o reverter a tendencia e apostar por outro modelo de desenvolvemento que sexa máis respectuoso coa nosa “casa”.

Un simple cidadán ou cidadá ten moito que aportar na loita contra o cambio climático. Indirectamente apostando, nun réxime democrático como o noso, pola opción política máis respectuosa co medio ambiente. Pero tamén actuando directamente, utilizando hábitos de consumo responsables á hora de mercar alimentos, de utilizar a auga e de consumir enerxía. Mais, para que a maioría da xente actúe como cidadáns responsables compre que alguén asuma a labor educativa de transmitir eses valores á poboación.

Hoxe podemos sentirnos un pouco máis satisfeitos porque coa publicación de “A Buxaina” somos máis cidadáns educando, somos máis persoas colaborando e transmitindo a mensaxe de que para a boa marcha dunha sociedade compre a participación de cada un dos seus membros.