Un cambadés en Munich, capital de Baviera, Alemania

Entrevista a Miguel Álvarez Fariña
6 Xuño 2011
Miguel Álvarez

Ao longo do seu paso polo instituto Asorey, fun profesor de Miguel durante un par de anos. Recórdoo coma un bo alumno; correcto co profesorado e cos seus compañeiros e compañeiras. Un alumno que sempre transmitía tranquilidade e bo estado de ánimo. Posuía unha gran capacidade de traballo e combinaba os seus estudos no Asorey cos do Conservatorio.
Como antigo profesor de Miguel,  penso que podería ter feito calquera outra carreira diferente á que elixiu,  porque capacidade de traballo e de esforzo non lle faltaba, e iso é o primordial para que calquera alumno/a saque adiante os seus estudos na escola ou no instituto e comece, deste xeito, a forxar o seu futuro.

Cóntame brevemente a túa historia académica.

Rematei a Enxeñería Técnica de Telecomunicacións aos 20 anos, a piques de cumprir os 21. Fun o primerio enxeñeiro técnico de Galicia na miña especialidade, xa que a carreira era de nova implantación. Despois, aproveitando que unha vez que eres enxeneiro técnico podes entrar automáticamente no 4º ano de Enxeñería Superior de Telecomunicacións, animeime a seguir. Ese ano fun de Erasmus a Holanda. No seguinte, en 5º, mentras estudaba algunas asignaturas a distancia, tiven o meu primeiro traballo en prácticas na Oficiña Europea de Patentes (OEP) de A Haia. Este é o organismo internacional que xestiona a concesión de patentes en Europa. En 6º fixen o proxecto de fin de carreira en Philips Research Europe, tamén en Holanda. Logo de rematar no 2009, voltei traballar de novo para a OEP, pero esta vez en Múnic, Alemaña, que é onde está a central. Dende o 2010 traballo como enxeñeiro de patentes nun bufete de propiedade intelectual, tamén en Múnic (sendo o enxeñeiro máis mozo de toda a firma).

Como chegou a decisión de marchar a Holanda?

Pois porque quería ver mundo, aprender inglés e facer curriculum.

E a Munich?

Munic

Unha vista de Munich

Porque cando rematei o proxecto de fin de carreira na Philips decidín adicarme á propiedade intelectual, e xa que tiña contactos na Oficiña Europea de Patentes, puiden optar á central en Alemaña.

Que traballo desenvolves?

Traballo como enxeñeiro de patentes no bufete Grünecker, Kinkeldey, Stockmair & Schwanhäusser, que é un dos bufetes de propiedade intelectual de máis sona en Europa. É o maior, con 87 anos de historia, 400 empregados e xigantes por clientes: Samsung, Toshiba, Google, Facebook, Amazon... De feito, o meu cliente é Microsoft.

O meu traballo é xestionar todo o procedemento dende que o cliente envía unha invención ata que se obtén a patente sobre esa invención. Este proceso pode durar de 2 a8 anos e baséase, sobre todo, en varias fases de negociación cos examinadores da OEP que avalían o invento. A invención modifícase para que encaixe cos criterios do examinador segundo o “closest prior art”, que son os documentos ou inventos xa existentes máis relacionados, e tentando diminuír na medida do posible o campo de protección de patentes futuro, favorecendo así ao noso cliente. Finalmente, tras os pasos de negociación entre o bufete e a OEP, e co consentimento do xurado examinador, concédese a patente, que ten unha vida de 20 anos dende a data da solicitude. Ás veces a concesión non se acada.

Cóntanos que é unha patente

A patente é unha serie de leis de protección que garanten a propiedade sobre unha invención particular.

Por que é importante unha patente?

As patentes promoven a investigación, o desenvolvemento e o crecemento económico. Ao dar protección á empresa inventora sobre o seu invento, outras empresas que queiran usar o dito invento teñen que pagar. O inventor recibe un beneficio económico que pode investir en futuros inventos, pero a cambio da compensación financeira, o inventor comparte e ensina a invención con outras empresas. Estas empresas poden estudar, aprender e sacar proveito desta invención e quizáis usala de algunha maneira nas súas propias. Así, ao compartir as invencións evítase o segredo, por exemplo, que dúas empresas desenvolvan á vez a mesma invención, perdendo tempo, cartos e esforzo.

Deste xeito a patente aumenta os beneficios do inventor e deixa que outras empresas aproveiten eses avances na busca do seu propio crecemento. As patentes son unha das razóns para a consolidación de grandes multinacionais como Philips, Siemens, Samsung, Microsoft, Apple... elas posúen miles de licenzas que producen riqueza e crecemento económico nos seus países. As patentes, directa e indirectamente, xeran millóns de euros. Alemaña presenta nun ano preto de 135.000 patentes á OEP, España ten preto de 8.000 peticións por ano.

Cantos idiomas manexas?

Traballo en Inglés porque os meus clientes son de EEUU e a maioría das invencións están redactadas en Inglés. Despois de vivir un tempo aquí teño nivel básico de alemán. E non esquezo o Galego e o Español, claro.

Cóntame como é a vida en Munich.

Múnic é a capital de Baviera, a cidade máis rica de Alemaña e unha das máis ricas de Europa. Ten unha poboación dun millón de persoas e concentra a multinacionais como Bayer, BMW, Siemens, Allianz... Ademáis é a capital europea da propiedade intelectual, coa OEP e decenas de empresas como na que eu traballo. É unha cidade  moi segura e moi agradable, case non hai desemprego, a taxa de criminalidade é baixa, a xente é católica e bastante practicante, con moito orgullo de ser de bávaros e do seu folclore popular (a Oktoberfest, a comida bávara, os traxes tradicionais bávaros…). O transporte público funciona moi ben. No 2007 foi nomeada como a cidade con mellor calidade de vida do mundo. Ademáis hai 50 minutos de tren ata os Alpes para esquiar ou facer snowboard.

Como remate. Que lle aconsellarías aos nosos alumnos e alumnas?

Eu recomendaría que fosen traballadores no Bacharelato para sacar boa nota na selectividade. Que fagan unha carreira con boas perspectivas de emprego, pero que lles guste, esto é moi importante. Que non se deixen desanimar por esas persoas que, cando comezas na facultade, dinche que a carreira de tres anos faise en cinco; que a de cinco, en oito; traballando faise un curso por ano. Que saian a facer un Erasmus (a un país do norte de Europa, se é posible). Que ao rematar a carreira marchen fóra de España durante algúns anos. Que comecen por prácticas en empresas ou organizacións internacionais, que hai ofertas a patadas e as pagan ben, e que despois busquen o seu primeiro emprego.